O concurso de decoración de fachadas e balcóns premia a orixinalidade e valora o esforzo de mantemento

69

A primeira edición do Concurso de Decoración de Fachadas e Balcóns de Pontevedra pechouse galardoando tres propostas completamente diferentes. O primeiro premio foi para Agustín Cabrera, como responsable dunha decoración situada na rúa da Formiguera, número 5 (un deseño baseado nun maniquí feminino completamente oco, en posición sentada, e reconvertido nunha peculiar maceta). O segundo premio recaeu en María Jesús Iglesias polo impacto visual do balcón achaflanado da rúa da Palma número 1. Finalmente, o terceiro premio foi para Alicia Blanco pola proposta floral da praza da Estrela, número 4, na popularmente coñecida como “Casa das caras”.

Os premios, consistentes en tres cheques de 600, 400 e 300 euros, respectivamente, foron entregados hoxe pola responsable e impulsora do concurso, a concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, nun acto celebrado na Casa da Luz.

Os gañadores foron seleccionados por un xurado cualificador presidido pola concelleira e integrado polo xefe do servizo municipal de Xardíns, Manuel Fontán, e os representantes das asociacións de veciños Santa María e San Bartolomé, xunto coa xerente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Mónica Tomé. O xurado realizou dúas visitas nos meses de xullo e setembro para valorar as 140 propostas que se presentaron ao concurso.

Carlota Román subliñou que se valoraron os resultados estéticos nas composicións florais, a utilización de elementos decorativos, a singularidade e o esforzo no mantemento dos balcóns, motivo polo cal o xurado realizou dúas visitas separadas entre si por dous meses.

Engadiu que está sorprendida da transcendencia que ten acadado esta primeira edición, pois atópanse abundantes referencias ao concurso de fachadas e balcóns de Pontevedra en webs de toda España e mesmo tamén en varias internacionais. Dende logo, un dos obxectivos que se perseguían, que era a promoción de Pontevedra, parece que se conseguiu sobradamente.

A responsable municipal agradeceu o esforzo de todos os participantes, con independencia do resultado estético acadado por cada quen. Destacou que trátase dunha iniciativa pensada para enxalzar o atractivo turístico do Centro Histórico, pero que tamén ten unha compoñente de autoestima para os propios pontevedreses.

Á convocatoria sumáronse tamén, fóra de concurso, dez institucións, entre as que están o Consello Regulador das Rías Baixas, o colexio San Xosé, o Arquivo da Deputación, a Delegación do Ministerio de Economía e Facenda, a Casa das Campás (Uvigo), a empresa pública de servizos agrarios da Xunta (Seaga), UXT e o Casino Mercantil e Industrial.