Proxección do documental “A volta dos nove”

33

Proxección do documental “A volta dos nove”, de Antonio Caeiro. Un documental de memoria oral que comeza na actualidade e viaxa, nun longo flasback, cara aos anos trinta do século XX.

Por medio de distintos testemuños orais, imos construír un suceso que deixou marcada a unha bisbarra pontevedresa durante xeracións.

Tras o golpe de estado do 17-18 de xullo de 1936 vai comezar unha longa Guerra Civil que vai durar ata 1939.

O momento desta historia vai situarse a mediados de outubro de 1936, aínda recén comezada a contenda.

Galicia. Pontevedra. O Val Miñor. Aquí non había campos de batalla. Non se escucaban explosións. Pero as vítimas escondíanse dos seus perseguidores. Outras aparecen, asasinadas, nas cunetas das estradas ou nas praias. Outras non apareceron a día de hoxe.

Na noite do 15 de outubro de 1936, nove homes van ser sacados da prisión habilitada do Frontón de Vigo, onde se amontoaban centos de persoas afíns á democracia e á República, e levados aos arredores de Baiona, a 18 quilómetros mais lonxe e preto das súas casas e familias. Alí, nunha curva da estrada que vai de Baiona á Garda, que dende ese día vai levar o seu nome, serían asasinados salvaxemente. Era o final dunha vinganza que se iniciara dous días antes e que xa levaba contabilizados catro mortos mais e o principio dunha lenda: a das cruces da “Volta dos nove”.