Adxudicación de máis de 400.000 euros en obras e eficiencia enerxética

65

O Goberno Local celebrou esta mañá unha Xunta de Goberno extraordinaria para a aprobación de distintas adxudicacións e licitacións por valor de 475.000 euros, segundo informou esta mañá o portavoz do Goberno, Raimundo González Carballo. A convocatoria foi extraordinaria pola necesidade de xustificar ante o INEGA unha subvención solicitada para un dos proxectos adxudicados.
Trátase da mellora enerxética do barrio do Castañal, e todas as rúas perpendiculares e paralelas a Loureiro Crespo neste barrio. Consiste na substitución de todas as luminarias (tamén daqueles brazos que estean en mal estado) por leds, que suporá un aforro do 80% do consumo eléctrico. Esta obra foi adxudicada á empresa Setga por 59.999,99 euros, o custe da subvención.
A Xunta de Goberno tamén aprobou a adxudicación á empresa Setga do contrato de instalación da iluminación pública exterior na vía que une a rotonda de Médico Ballina coa rotonda da Porta do Sol, en Lérez. A adxudicación foi por 105.972,36 euros. O outro tramo da ronda será adxudicado pola Deputación, en virtude dos acordos achegados coa Deputación provincial.
Tamén se adxudicou por 241.117,67 euros a mellora da accesibilidade na parroquia de Ponte Sampaio, que inclúe a estrada á Acevedo na parte máis urbana, así como o acceso a Pontesa dende o núcleo de Ponte Sampaio, entre outras vías. A adxudicación foi á empresa E.C.Casas. A obra inclúe a recollida de augas pluviais así como a instalación de elementos de seguranza viaria especialmente nas proximidades da Casa da Cultura e noutras zonas onde hai máis mobilidade peonil.
Ademais na Xunta de Goberno acordouse anular á adxudicación dun furgón de bombeiros á empresa Automóviles Louzaou dado que non presentou a documentación para a súa adxudicación definitiva. Con este acordo ábrese outra vez o proceso de adxudicación por un orzamento de 72.479 euros.