César Portela, elixido como primeiro homenaxeado no marco do Memorial Sesmero

80

O arquitecto pontevedrés César Portela será o primeiro homenaxeado no Memorial Sesmero, o ciclo que o Ateneo de Pontevedra, o Concello, o Colexio de Arquitectos e Afundación organizan co obxectivo de poñer en valor a figura dun profesional vinculado á cidade e que destaque nos eidos do urbanismo, a arquitectura ou as artes plásticas.

O acto de presentación celebrouse hoxe coa presenza do directivo do Ateneo, Antón Sobral; o tenente de alcalde, Antón Louro, e o presidente da Delegación do COAG, Manuel Abelleira.

O programa remarcará a figura de Portela dende a súa referencia local ata a proxección universal da súa obra, espallada por moitos lugares do mundo. Conferencias, unha exposición, un roteiro pola obra de Portela en Pontevedra e unha visita guiada á adega do Pazo de Baión forman un contido que pretende ser ameno e práctico.

As conferencias serán os venres 10 e 17 deste mes a partir das 20 horas. A primeira, na sala de conferencias de Afundación, contará con César Portela (que fará unha proxección gráfica comentada), o pintor Antón Patiño (falará da obra de Portela en Pontevedra) e o arquitecto Andrés Fernández Albalat (que falará da obra de Portela en Galicia). A segunda, no Café Moderno volverá abrirse coa proxección comentada de César Portela e, deseguido, falarán o arquitecto Antonio Barrionuevo (debullará a obra en España) e, finalmente, o arquitecto Damián Álvarez (a obra de Portela no mundo).

O vestíbulo de Afundación acollerá tamén unha exposición coas maquetas dos proxectos máis relevantes de César Portela ao longo da súa carreira profesional ata o próximo 24 deste mes de outubro.

O sábado, día 11, ás 11 horas, partirá dende a Praza de Abastos o roteiro dirixido polo homenaxeado, pasando polo edificio da praza da Ferrería, igrexa da Peregrina, basílica de Santa María, Facultade de Belas Artes e remate no Centro Social de Afundación.

Finalmente, o sábado 18, ás 11 horas, sairá un autobús dende a praza de Galicia ata o Pazo Baión para visitar a adega restaurada por César Portela. É preciso reservar praza no teléfono 669459453.

Durante a presentación oficial, Antón Louro aplaudiu a idea do Ateneo de Pontevedra de dar continuidade aos actos do Centenario de Alejandro Rodríguez Sesmero (“o arquitecto que modernizou Pontevedra”) que a Tenencia de Alcaldía organizou o ano pasado, coincidindo co aniversario do seu pasamento. Foi un acto de memoria histórica, subliñou Louro, co home que fixo posible algúns das paisaxes urbanas máis felices da Pontevedra moderna.

O tenente de alcalde, que anticipou o seu desexo de que o Memorial que agora nace teña continuidade (anual ou bianual) no futuro, cualificouno como unha oportunidade de coñecer mellor ás persoas que, ao igual que fixo Sesmero, teñen contribuído ao desenvolvemento desta cidade.

Antón Sobral aplaudiu a iniciativa do Centenario do ano pasado “porque homenaxear a Sesmero é entender Pontevedra” e considerou un paso natural reconverter aquela iniciativa nun premio anual, en forma de ciclo, para reivindicar outras figuras relevantes. A elección de César Portela cualificouna como un paso natural, pois Portela é un arquitecto pontevedrés cuxa obra parte do local para cobrar unha dimensión universal.

Manuel Abelleira falou dun profesional de traxectoria “moi consolidada” que, xunto con Alejandro de la Sota, é referencia da arquitectura pontevedresa. Atesoura ducias de premios nacionais e internacionais e, ademais, destacou Abelleira, foi cofundador do Colexio de Arquitectos de Galicia, exercendo como o primeiro secretario.