A Casa das Campás estrea este xoves o documental “A Volta dos nove”

70

A Casa das Campás acolle este xoves, 9 de outubro, a proxección do documental A Volta dos nove, de Antonio Caeiro (O Faiado Produccións). Esta proxección está promovida pola Concellaría de Patrimonio Histórico, que dirixe Luís Bará quen presentou esta mañá o documental da man do seu director.
A proxección será a partir das 20.00 horas, e a entrada será de balde até completar aforo.
Trátase dun documental de memoria oral que comeza na actualidade e viaxa, nun longo flashback, cara aos anos trinta do século XX. Por medio de distintos testemuños orais, constrúese un suceso que deixou marcada a unha bisbarra pontevedresa durante xeracións.
Tras o golpe de estado do 18 de xullo de 1936 vai comezar unha longa Guerra Civil que vai durar ata 1939. Na realidade, en Galiza non houbo guerra, senón unha cruel e violenta represión que se prolongou no tempo durante a Ditadura e cuxas consecuencia chegan até hoxe.
O momento desta historia vai situarse a mediados de outubro de 1936, nos primeiros meses da represión.
Galicia. Pontevedra. O Val Miñor. Aquí non había campos de batalla. Non se escoitaban explosións. Pero as vítimas escondíanse dos seus perseguidores. Outras aparecen, asasinadas, nas cunetas das estradas ou nas praias. Outras non apareceron a día de hoxe.
Na noite do 15 de outubro de 1936, nove homes van ser sacados da prisión habilitada do Frontón de Vigo, onde se amontoaban centos de persoas afíns á democracia e á República, e levados aos arredores de Baiona, a 18 quilómetros mais lonxe e preto das súas casas e familias. Alí, nunha curva da estrada que vai de Baiona á Garda, que dende ese día vai levar o seu nome, serían asasinados salvaxemente. Era o final dunha vinganza que se iniciara dous días antes e que xa levaba contabilizados catro mortos máis e o principio dunha lenda: a das cruces da “Volta dos nove”.