O luns comezan as obras de reparación da avenida de Marín

52

Aínda que xa comezaron os traballos previos para a reparación da avenida de Marín, o groso do traballo arrancará o vindeiro luns, 13 de outubro, cando está previsto pechar o carril de saída da cidade e habilitar os dous carrís de entrada en dobre sentido durante o tempo que duren as obras. Aínda que estaba previsto comezar no día de hoxe os traballos, as condicións meteorolóxicas dos días pasados impediron facer intervencións previas necesarias para variar o tráfico.
As obras de reparación teñen un orzamento de 126.000 euros, procedentes da fianza incautada á empresa Hidroscivil que non chegou a facer a reparación porque entrou en proceso concursal.
Está previsto facer reparacións, principalmente, nos pasos de peóns, nos pavimentos, mediana e tamén no carril-bici e no paseo peonil.
As obras teñen un prazo de execución de tres meses aínda que o avance dos traballos dependerán do tempo. O que si ten claro o goberno é que a prioridade é que a obra se faga ben, se remate ben e non se precipite a apertura por motivos de presión do tráfico.
Polo carril de saída da cidade transitan 6.000 vehículos diarios, e polos de entrada acceden á cidade uns 9.000 ao día, cantidades suficientemente asumibles ao igual que cando se fixo a obra, momento no que xa se pechou o carril de saída. Tamén está previsto prohibir a circulación de vehículos pesados pola avenida de Marín, que deberán transitar ben pola estrada vella ou por outras vías.
Para facer esta importante obra, a Policía Local elaborou un plan de tráfico específico para a zona que se desenvolve entres fases:
•  A primeira é a preparación das novas medidas de tráfico para o inicio das obras (retirada e colocación da nova sinalización, recortes na calzada para habilitar carrís de circulación, pintado de sinalización horizontal…). Esta farase durante a xornada de hoxe (dende a primeira hora da tarde) e de mañá. Está previsto o peche dun dos carrís de entrada.
• A segunda fase está prevista a partir do luns, 13 de outubro, a partir das 10.00 horas e consistirá en pechar ao tráfico o carril de saída da cidade (Pontevedra-Marín).
Co fin de garantir o tránsito de vehículos, tanto de entrada como saída, o carril de entrada (Marín/Pontevedra), será dividido en dous, co pintado dunha liña lonxitudinal continua amarela de delimitación de carril, onde se colocarán conos e New Yersey delimitando os sentidos de circulación e prohíbese a circulación de vehículos destinados ao transporte de mercadorías con tara máxima de 3,5 Tn.
• A terceira fase iniciase unha vez rematada as obras no carril esquerdo (sentido saída cidade) o que posibilitará abrir ao tráfico de saída e o de entrada se traballara primeiro nun carril (seguira dividido por conos e liña amarela), quedando habilitado outro para o tráfico.
Datos de tráfico
A Avenida de Marín constitúe, hoxe en día, a entrada e saída sur da cidade máis importante de tráfico, así os datos de medición de transito de vehículos diarios (a outubro de 2013) na citada Avenida  o constata:
• Entrada:  9.358 vehículos día (medía diaria) cun tráfico preto dos tres millón e medio de vehículos ano.
• Saída: 6.676  vehículos día, cun tráfico preto de  dous millóns e medio de vehículos ano. 
As obras terán unha longa duración (aproximadamente tres meses) o que vai a dificultar o tráfico, tanto de saída como entrada de vehículo, polo que, dende a Policía Local de Pontevedra aconsellase evitar, na medida do posible o tráfico por esta Avenida.
Como alternativa existe a conexión  a través da AP-9 (entradas e saída da autopista zonas leste, sur e norte da cidade), e a PO-10 (conexión Nó do Pino con saída a PO-11 (autovía de Marín).
Acceso e saída da cidade cara a Marín por rúa Rosalía de Castro (coñecida popularmente como estrada vella de Marín).