Filippos Tsitsopoulos

52

Preséntase por primeira vez en Galicia a obra do artista grego Filippos Tsitsopoulos, co proxecto fotográfico Cabinet of Curiosity of Mr. Bonsai, no que se revisan algúns xéneros clásicos da arte como o retrato e o bodegón a través das técnicas propias dos medios dixitais.

Os retratos de Filippos Tsitsopoulos lévannos á época post vitoriana e á obra de Arcimboldo, cunha historia de retratos-autorretratos que se creou para estudar as conexións entre as expresións humanas e a monstruosidade grotesca e encantadora, cómica ou dramática, do interior de cada un. Os seus retratos post expresionistas responden ás capas psicolóxicas do ser humano e a súa obsesión de retratarse, e o artista constrúeos portando máscaras dixitais ou reais, feitas de alimentos, pescados, froitas, camaróns, lagostas (algunhas delas en estado vivo), etc., atándoas á súa cara e o seu corpo, e coas que levará a cabo as súas accións. A mostra complétase cunha performance do artista no CGAC de Santiago de Compostela, o día 28 de novembro.

Pódese visitar ata o 12 de decembro en Rúa Pasantería, 9 baixo. Horario: de martes a venres, de 11 a 14 h. e de 17:30 a 20:30 h. Sábados, de 11 a 14 h.