Adxudicadas as obras das escavacións arqueolóxicas no tramo pendente da rúa de Santa Clara

59

A Xunta de Goberno Local adxudicou hoxe á empresa Stradia Infraestructuras S.L. as obras do proxecto complementario, valorado en 55.452,61 euros, derivado da aparición de restos arqueolóxicos nun tramo da rúa de Santa Clara. Os fondos permitirán a escavación dunha área duns 400 metros cadrados na zona onde apareceu un empedrado medieval que podería corresponder ao Camiño Vello de Castela.

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, subliñou que cúmprese así o compromiso alcanzado cos veciños e comerciantes de Santa Clara de adxudicar canto antes esta actuación adicional para finalizar a reurbanización integral desta rúa, que xa contaba cun orzamento de 676.199,22 euros. A obra complementaria finánciase coa modificación de crédito aprobada polo Concello de Pontevedra e que entrou en vigor a semana pasada.

As obras, que estaban pendentes desta adxudicación, xa se reactivaron semana pasada con algúns traballos preparatorios na praza de José Martí. Hoxe mesmo instalouse un “by-pass” para subministro de auga ao edificio do Híper Froiz. Trátase de colocar un tubo provisional ata o remate da obra, porque o subministro definitivo non quedará definitivamente instalado ata o remate da rúa.

Ao longo desta semana reasfaltarase un trozo do primeiro tramo da obra (entre o cruce de Santa Clara e Álvaro Cunqueiro). O asfaltado fíxose a principios de ano en condicións meteorolóxicas adversas, con bastante frío, e houbo un problema de fraguado do aglomerado asfáltico, polo que é preciso corrixilo.

A partir do luns próximo comezará a instalación da pasarela que dará acceso aos portais de vivendas e negocios situados no último tramo de Santa Clara. Será unha pasarela de 60 metros de lonxitude e dous metros de ancho, dimensionada para dar servizo aos edificios e aos locais comerciais.

A continuación iniciarase a escavación arqueolóxica. Levantarase o pavimento con medios mecánicos ata baixar en torno a metro e medio. A continuación, os arqueólogos realizarán un desbastado manual e estudarán as hipotéticas estruturas que podan aparecer.

Antón Louro non quixo concretar prazos, ao tratarse dunha obra que cualificou como singular. As previsións están en rematar cara o Nadal, pero todo vai depender da presencia de novos vestixios arqueolóxicos e da importancia que teñan. En todo caso, lembrou o tenente de alcalde, o Concello terá que atender as determinacións que vaia adoptando a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.