O Concello apoia á asociación Anedia na celebración do Día Mundial da Diabete

198

Concienciar sobre a necesidade de elaborar un protocolo específico para que os escolares diabéticos podan medirse o azucre no sangue varias veces ao longo da xornada escolar é o fío condutor dun amplo programa de actos que a asociación Anedia preparou en colaboración co Concello para conmemorar o próximo Día Mundial da Diabete, que se celebra o xoves, 14.

O calendario, que se desenvolverá entre os días 13 e 15 deste mes, conta co apoio das concellerías de Benestar Social, Cultura, Deportes e Turismo, que achegan o apoio necesario para o desenvolvemento das distintas actividades.

A presentación celebrouse esta mañá por parte da presidenta e vicepresidenta de Anedia, Ana Pérez e Silvia Puga, acompañadas polos concelleiros Carme Fouces e Agustín Fernández.

O programa comeza o día 13, ás 18.30 horas, cun percorrido turístico polo Centro Histórico. Ás 20.00 horas acenderase a iluminación en cor azul da Casa do Concello, co que Pontevedra súmase a outras cidades que farán o mesmo en edificios tan simbólicos como a torre Eiffel ou a Ópera de Sidney.

O día 14 terá lugar unha carreira solidaria, sobre unha distancia dunha milla, a partir das 18.00 horas co lema “Que a diabete non te pare”. Sairá da praza de España. Os primeiros 1.000 inscritos recibirán unha camiseta e haberá un sorteo de agasallos doados polas empresas colaboradoras. A proba, que non é competitiva, conta co apoio de varios deportistas encabezados por Víctor Riobó, subcampión de España da distancia. A inscrición cómpre facela no sitio www.queadiabetenontepare.ga.

O día 15 ás 12.00 horas celébrase unha merenda saudable na Casa Azul e, posteriormente, ás 18.00 horas haberá un espectáculo teatral, a cargo dos Super Galácticos, no Café Moderno.