O Concello ultima a modificación do Plan Xeral para regular o tipo de solo apto para acoller crematorios

41

O Goberno local de Pontevedra dá os últimos pasos antes da aprobación provisional da modificación puntual do Plan Xeral de Urbanismo polo que se regula o tipo de solo no que se poden autorizar licenzas para a instalación de crematorios.

O proxecto de modificación urbanística, que hoxe recibiu o visto bo da Xunta de Goberno Local, será ditaminado mañá pola Comisión de Urbanismo. Dáse tamén resposta ás 637 alegacións presentadas por colectivos cidadáns, empresas funerarias e polo portavoz do grupo municipal do PP. Ademais dunha suxestión presentada polo Concello de Poio.

Unha vez que o Pleno aprobe a iniciativa, o expediente será remitido á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, para que proceda á aprobación definitiva, que lle compete en exclusiva, antes dun prazo de tres meses. Non obstante, este mesmo departamento autonómico xa desestimou o pasado ano un total de 638 alegacións veciñais e decidiu que non era necesario someter o expediente a Avaliación Ambiental Estratéxica.

Con esta modificación os crematorios non poderán instalarse en solo residencial (nin a unha distancia cautelar de 50 metros dos solos urbanos, urbanizables ou de núcleo rural) e quedan autorizados en solo rústico (previa aprobación dun Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións), cemiterios e polígonos industriais.

A xustificación da iniciativa está baseada na alarma social suscitada tras a presentación simultánea de cinco solicitudes de licenzas de fornos crematorios, das que tres estaban situadas en solos residenciais. Unha xustificación que foi tamén secundada pola Xunta de Galicia ao descartar a avaliación ambiental previa.

O texto final, que conta cos informes dos técnicos en materia de Arquitectura e Enxeñería e do secretario municipal, admite parcialmente a alegación presentada polo portavoz do grupo municipal do PP (pese a que non está lexitimado para presentar alegacións nun proceso de exposición pública) para que a distancia cautelar de 50 metros dende os bordes das parcelas para eventuais crematorios se aplique tamén aos equipamentos comunitarios (centros de ensino, zonas deportivas, parques…). Finalmente, se admite a suxestión do Concello de Poio para estendela, do mesmo xeito, aos límites deste termo municipal.

As alegacións presentadas pola Plataforma Crematorios Non Pontevedra Leste e un grupo de veciños son desestimadas por basearse en cuestións medioambientais que xa foron rexeitadas pola Consellería de Medio Ambiente, órgano competente en Galicia. Tamén rexéitase a petición de estender a distancia cautelar aos 500 metros lembrando que esa cifra introduciuse na suspensión cautelar por un ano, acordada en novembro de 2012, para abranguer a todas as solicitudes de licenza mentres se tramitaba a modificación definitiva. Examinada a lexislación aplicable, especialmente o Decreto de Policía Sanitaria-Mortuoria de Galicia, chegouse á conclusión que hai unha equiparación urbanística entre cemiterios e crematorios. E, dado que os camposantos deben gardar unha distancia de 50 metros e os crematorios son usos admitidos no seu interior, crearía inseguridade xurídica fixar un criterio distinto.

Finalmente, foron desestimadas as dúas alegacións, presentadas polas funerarias Alianza y Barros e Pompas Fúnebres de Pontevedra, por un lado; e por Tanatorio San Mauro, polo outro. As empresas defenderon a inocuidade ambiental dos crematorios e solicitaron que non se restrinxa a súa implantación mesmo en solo urbano.

Os informes técnicos que amparan a modificación do Plan subliñan que, con independencia desta modificación do Plan, as licenzas son regradas e, no caso dos crematorios, requiren de informes preceptivos vinculantes das consellerías de Medio Ambiente e Sanidade.