Media ducia de colexios de Pontevedra aprenden a coidar a saúde facendo deporte e comendo ben

94

Adestrar aos escolares pontevedreses en conceptos como os efectos saudables dunha boa alimentación e da actividade física é o obxectivo dunha colaboración entre a Concellería de Educación e deportistas locais. A presenza do lateral esquerdo do Teucro, Dani Hernández, foi o principal aliciente desta xornada, ao paso do programa polo colexio da Xunqueira 2.

O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, estivo hoxe no centro para comprobar o funcionamento deste ciclo “Saúde, alimentación e actividade física”, que está a celebrarse en media ducia de colexios. Durante as charlas, os rapaces de Terceiro e Cuarto de Primaria terán participado nun programa co que se intenta concienciar contra a vida sedentaria e a alimentación inadecuada, baseada na comida rápida e a pastelería industrial.

Fernández subliña que involucrar aos deportistas locais coa promoción do deporte e a saúde nos centros educativos é unha estratexia idónea. Os rapaces poden proxectar nun referente concreto o que, doutro xeito, sería unha simple cuestión teórica sobre a importancia da saúde e a actividade física.

Cada un dos obradoiros está formado por grupos de 25 alumnos e consiste nunha charla moi amena, duns 50 minutos, reforzada por figuras de referencia no deporte local. A cada neno entrégaselle un lote de merenda saudable composto por un bocadillo, unha froita, iogur e auga. O profesorado recibe tamén material didáctico para seguir a traballar na aula.

A iniciativa da Concellería de Educación xa ten pasado ou vai pasar durante este mes de novembro, polos colexios de Álvarez Limeses, San Bieito de Lérez, Parada (Campañó), San Martiño (Salcedo), Xunqueira 2 e A Carballeira (Lourizán).