Os psicólogos galegos debaterán en Pontevedra sobre o xénero e a identidade na sociedade actual

66

Un total de 120 psicólogos e expertos galegos debaterán durante dous días en Pontevedra sobre “Xénero e Identidade: Olladas desde a Clínica”. O Congreso, que organiza o Colexio de Psicólogos de Galicia coa colaboración da Concellería de Promoción Económica, celebrarase no Pazo da Cultura entre este venres, día 14, e o sábado, 15.

A concelleira Carlota Román presentou hoxe a cita, acompañada de Javier Sardiña Agra, responsable da Sección de Saúde e Psicoloxía do Colexio, e Estrella González Gómez, presidenta do Comité Científico do Congreso.

Carlota Román subliñou que máis de 120 profesionais participarán nestas xornadas, que contribuirán, deste xeito, a seguir posicionando a Pontevedra como un referente no turismo de negocios.

A concelleira subliñou que durante este ano a cidade acolle 14 congresos e 8 feiras, uns resultados que contrastan claramente co declive feiral doutras cidades, mesmo en Galicia. O éxito, explicou está na aposta por un Pazo de Congresos e un Recinto Feiral de tamaño medio, perfectamente imbricado na cidade e, por tanto, sen desprazamentos, o que fai moi cómodo vir a Pontevedra para participar neste tipo de eventos.

A titular da Concellería de Promoción Económica lembrou tamén a aposta pola Oficina de Congresos e o desenvolvemento dunha política activa de captación que está a dar resultados moi claros e que supoñen un importante retorno socioeconómico.

Javier Sardiña explicou que o Congreso ten o dobre obxectivo de contribuír ao debate entre os profesionais da Psicoloxía e de transmitir o seu traballo á sociedade. A crise, engadiu, repercute especialmente sobre os máis desfavorecidos e, por tanto, cómpre non deixar de lado os aspectos psicolóxicos dunha realidade crúa.

Estrella González subliñou que non se trata dunhas xornadas sobre violencia de xénero, senón sobre xénero e identidade (a expresión do xénero en cada individuo e debullou os contidos dun programa que fai un completo repaso aos distintos enfoques.

O programa completo do Congreso está dispoñible no sitio web https://copg.copgalicia.org.