Un gran monolito de pedra, bronce e luz honrará a memoria dos fusilados do 12 de novembro

62

O monumento que lembrará aos mártires pontevedreses da Democracia fusilados o 12 de novembro de 1936 foi presentado hoxe polo tenente de alcalde, Antón Louro, e o escultor Sergio Portela. O deseño é un monolito feito de 10 cubos de pedra, con bandas luminosas en ledes azuis, e os nomes das vítimas gravadas en cada peza. Ao pé, unha figura feminina oferente, porta un cunco destinado a acoller un lume azul durante os actos conmemorativos da efeméride.

O monolito, de sete metros de altura e 15 toneladas de peso, será instalado durante a próxima semana. Antón Louro anticipou que agarda que todo estea listo para o próximo venres, día 21.

O responsable municipal felicitou expresamente ao artista e subliñou que estamos diante dunha achega que enriquece o patrimonio histórico, o patrimonio cultural, o patrimonio urbanístico e o patrimonio histórico de Pontevedra. Aínda máis, opinou que será “un recordo chantado na terra de Pontevedra da loita pola Liberdade e pola Democracia”.

Sergio Portela explicou que o deseño partiu do estudo do entorno, marcado pola horizontalidade dos edificios. Chegou así a imaxinar un monolito moi vertical elaborado con elementos eternos como a pedra e o bronce, pero incorporando tamén a tecnoloxía.

Un monumento cívico que, en palabras de Louro, é tamén un monumento á vida na medida en que homenaxea a persoas tan exemplares como Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez, Luís Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Benigno Rey, José Adrio, Víctor Casas, Juan Rico e Ramiro Paz.