As escavacións arqueolóxicas da rúa de Santa Clara rematarán esta semana, despois de descubrir o Camiño Vello de Castela e a porta da Rochaforte

65

As escavacións arqueolóxicas que se están a realizar na rúa de Santa Clara, no tramo situado a carón da praza de José Martí, serviron para descubrir un lousado de pedra de gran calidade cunha lonxitude de case 30 metros que se corresponde co remate do Camiño dos Arrieiros, a ruta medieval pola que o viño do Ribeiro chegaba a Pontevedra e se exportaba a toda Europa a través do porto das Corvaceiras.

O tramo, que foi visitado o pasado venres polo concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, presenta ata tres marcas moi visibles das rodadas dos carros e achega datos moi valiosos para a historia da cidade. Aos dous lados está bastante afectado por obras que se fixeron hai algunhas décadas sen o menor respecto patrimonial, pero permite manter a hipótese de que era un camiño dunha factura de pedra excelente e cun ancho que podería rondar os seis metros.

O segundo descubrimento resulta menos espectacular á vista, pero máis valioso aínda dende o punto de vista histórico.  Os arqueólogos destaparon unha xamba da porta do Rochaforte (a porta que daba acceso ao Centro Histórico dende Santa Clara) e sitúana case 10 metros máis ao Leste do que se pensaba. Por dicilo graficamente, remarcou Louro, o lugar onde se coloca a representación desta porta durante a Feira Franca é un lugar incorrecto, porque, en realidade, correspóndese máis coa panadería que fai esquina na rúa de Santa Clara.

Diante destas revelacións, o servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia ordenou unha pequena ampliación das escavacións, levantando parte da beirarrúa cara o hipermercado, co fin de delimitar axeitadamente a traza da muralla medieval neste punto da cidade.

Durante a visita, o concelleiro de Urbanismo e tenente de alcalde foi informado de que o traballo arqueolóxico concluirá en torno a este próximo venres. A continuación, reanudaranse as obras de reurbanización integral da rúa que, cun orzamento total duns 700.000 euros, implican o arranxo da superficie, pero tamén a substitución de todos os servizos soterrados, entre eles os de recollida de pluviais e saneamento, que estaban moi deteriorados e provocaban frecuentes anegamentos de baixos e garaxes.

O responsable municipal indicou que, diante da obriga de acometer estas escavacións arqueolóxicas, que aínda deben ser estudadas e catalogadas, resulta complicado establecer unha previsión exacta sobre o remate da obra.