Comezan as melloras de “+Boavila” na rúa San Antoniño

65

O Concello de Pontevedra iniciou esta mañá os primeiros traballos do programa "+Boavila" na rúa San Antoniño. As primeiras actuacións céntranse na mellora dos pasos de peóns da rúa para mellorar a súa accesibilidade, e continuarán polos alcorques, a limpeza das lousas da rúa e mellora do moibiliario, ou a mellora da iluminación pública, entre outros elementos.
Na xornada de hoxe comezaron os traballos para retirar os lastros dos pasos de peóns da rúa (que son especialmente duros) porque non cumpren a normativa de accesibilidade. Serán substituídos por lousas con tacos que son os aceptados pola normativa.
A continuación tamén se mellorarán os alcorques, retirando os lastros que permitirá reducir a herba que nacen neles e mellorar o seu aspecto; e tamén se arranxará todo o mobiliario urbano da rúa. Finalmente farase unha limpeza das lousas da rúa para mellorar a imaxe da rúa.
Fora desta primeira parte de obras, pero dentro do proxecto +Boavila, tamén está previsto cambiar as luminarias da rúa para mellorar a iluminación pública.
Cabe lembrar que o proxecto "+Boavila" céntrase na mellora da calidade urbana, a estética e a convivencia cidadá a través de actuacións no espazo público e privado. Está xestionado polos concelleiros de Carmen Fouces, Anxos Riveiro e Luís Bará dado que os seus departamentos atopanse imbricados neste proxecto que se achega ao centro urbano e a todos os barrios urbanos de Pontevedra para mellorar zonas verdes, predios e edificios, mobiliario urbano, medianeiras públicas…
Este "goberno dos pequenos detalles" pretende promover a querenza polo barrio, polos espazos públicos, o orgullo de cidade e a autoestima. Ademais, "+Boavila" pretende fomentar a participación cidadá, coa corresponsabilidade e a interlocución con entidades representativas e a veciñanza coa convocatoria de xuntanzas  por barrios e distintas zonas da cidade.