Comezan as primeiras obras para convertir a avenida de Compostela nunha vía urbana

94

O Concello de Pontevedra iniciou esta mañá os primeiros traballos para a reforma integral da avenida de Compostela (dende a avenida de Bos Aires até a rotonda de Pasarón). As obras comezaron polo cruzamento das rúas Rafael Areses co final da Ponte de Santiago, onde está previsto a demolición de diversos elementos arquitectónicos, a construcción da beirarrúa e posterior construcción do paso de peóns elevado.
Cabe lembrar que o obxectivo do Concello con esta obra é cambiar conceptualmente a vía, transformar unha vía de alta capacidade e de alta velocidade nunha urbana con tráfico calmado, conseguindo integrar o borde do río e a conexión da Xunqueira coa trama urbana, nun espazo especialmente importante polos seus usos escolares, deportivos e de lecer.
A obra tamén implica un cambio na distribución dos espazos: máis para peóns e bicis, e menos para o tráfico rodado. Mellorando a mobilidade peonil e ciclista nos eixos cidade-campus e Ponte do Burgo-Ponte dos Tirantes.
Ademais mellorarase a seguranza viaria e a accesibilidade, e calmarase o tráfico.
Debido ao ambicioso do proxecto, o Goberno acordou realizar a obra por fases, e deulle prioridade ao eixo Ponte do Burgo-Ponte dos Tirantes na súa marxe dereita, eliminando as barreiras arquitectónicas e dándolle continuidade á mobilidade peonil e ciclista entre os Tirantes e a Ponte do Burgo a través de Rafael Areses.
Para iso continuarase as beirarrúas de Rafael Areses até a Ponte de Santiago, eliminando os diferentes parterres e barreiras arquitectónicas da zona, para construir un paso de peóns elevado de importantes dimensións que supoña un elemento disuasorio para a velocidade.
Tamén está previsto facer un carril bici dende os Tirantes até o Burgo para conectar a Illa coa sendo do Lérez, até Bora. Para isto suprimirase o estacionamento do lado do río, reducirase de dous a un carril, e farase un carril bici de tres metros, pintado sobre o asfalto.
O orzamento desta primeira fase é de máis de 158.000 euros.