Lembranza aos fusilados o 12 de novembro, este venres ás 20.30 horas

107

A Concellaría de Cultura retoma este ano o acto de homenaxe aos fusilados o 12 de novembro de 1936, na rúa que hoxe leva o nome Doce de novembro. Será este venres, 21 de novembro, ás 20.30 horas na rúa que leva o mesmo nome. Cabe lembrar, que o pasado ano a Concellaría viuse na obriga de suspender este acto debido ás obras do Tren do Eixo Atlántico que por estas datas estaban a traballar no lugar.
O acto estará presidido polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e no seu transcurso está prevista a inauguración da nova escultura que recordará aquel fusilamento. Intervirán, por esta orde, o tenente de alcalde Antón Louro, o escutor e autor da obra, Sergio Portela, o historiador Xosé Fortes, un representante dos familiares fusilados, e pechará o acto o alcalde.
A continuación haberá unha actuación do Conservatorio de Música e unha ofrenda ante a nova escultura que recorda aos fusilados.
A Concellaría de Cultura quere lembrar aquel 12 de novembro no que o fusilamento destes dez homes bos e xenerosos traduciuse na perda de moitos soños de prosperidade e liberdade, e deixou unha profunda sombra durante máis de 40 anos ao longo da vida política e social do noso país.
A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro quere lembrar que “eles son un anaco dos centos de homes e mulleres que deixaron a vida na nosa cidade por defender a orde constitucional da República, e as aspiracións de autogoberno que asomaban nas mentes máis preclaras do país”.
Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez, Luís Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Benigno Rey, José Adrio, Víctor Casas, Juan Rico e Ramiro Paz deixaron atrás familires, viúvas, fillos, amigos… sinalados socialmente durante anos polo seu vencello cos proscritos, que paradoxalmente, hoxe son sinónimo de liberdade, aloumiño da memoria e testemuñas da dignidade.
O Concello de Pontevedra quere reafirmar nesta data a esperanza de que episodios coma este non se volvan repetir entre irmáns, pais, fillos. É mostra do triunfo da razón e da liberdade na que poden e deben vivir os pobos.