O Concello homenaxerá o día 28 aos concelleiros e traballadores represaliados

74

O Concello de Pontevedra celebrou esta mañá unha reunión cos portavoces dos grupos municipais á que asistiu o concelleiro de Patrimonio histórico, Luís Bará para concretar o contido da homenaxe aos concelleiros de traballadores do Concello represaliados, e dar así cumprimento á moción aprobada no pasado pleno de setembro.
A homenaxe será o venres, 28 de novembro ás 20.30 horas no Teatro Principal. Será un acto solemne coa participación da garda de gala, da Corporación, e convidando aos traballadores/a do Concello, e ás familias de persoas represaliadas.
Neste acto participarán as familias e representantes dos colectivos (Banda de música, persoal do Concello, Policia Local, Corporación…) nunha lectura colectiva dos nomes das persoas que foron represaliadas.
Haberá una intervención do historiador Xosé Álvarez Castro, autor do libro Pontevedra nos anos do medo e do blog homónimo, que explicará o contexto e a represión exercida contra os traballares/as e concelleiros.
Tamén está prevista unha actuación da Banda de música, que tamén será homenaxeada porque sufriu direxctamente as represaliadas dos sublevados (foi disolta en 1937 porque a maioría dos seus integrantes eran republicanos de esquerdas e foron represaliados).
O alcalde será o encargado de pechar o acto.

Unhas 60 persoas represaliadas en relación co Concello
Segundo os datos do Arquivo Municipal e da prensa da época foron represaliados unhas 60 persoas relacionadas co Concello, entre concelleiros e traballadores/as.
As formas da represión foron variadas: asasinato de dous concelleiros e tres traballadores; cárcere, represalias económicas (multas), exilio, destitucións dos postos de traballo e expulsión, sancións de emprego e soldo temporais…
Estase elaborando unha relación -o máis completa posibel- dos traballadores represaliados, nun proceso que durou cando menos 10 anos, até 1946.
Dende o Concello faise un chamamento aos familiares das vítimas para que acheguen información, fotografías.., e contribúan a esta homenaxe. E tamén se fai chamamento a toda a cidadanía a que participe neste acto.
De feito, o alcalde enviará unha carta persoal aos traballaores/as do Concello para convidalos a participar na homenaxe.