O xoves comeza a desmontaxe da pasarela peonil da Xunqueira de Alba

67

A Concellaría de Medio Ambiente inicia o xoves a desmontaxe da pasarela peonil da Xunqueira de Alba. Os traballos comezarán sobre as 10.00 horas e está previsto que duren toda a xornada, aínda que polas dificultades ou polo tempo poderanse ampliar ao venres.
Cabe lembrar que a primeira intención da Concellaría foi reparar a esta ponte, pero nos primeiros momentos daqueles traballos puidose comprobar o avanzado estado de podredume da estrutura. As vigas principais que suxeitan a estrutura da ponte están podridas e non son reparables, a pesar de que o Concello dispoñía dun informe técnico que, inicialmente, avalaba a reparación.
Tamén naqueles primeiros traballos comprobouse que tanto a instalación como a construcción da ponte non foran as máis idóneas xa que as balaustradas de metal eran demasiado pesadas para a estrutura, o entarimado non tiña a anchaxe acaída aos pilares e as vigas non presentaban a conservación que deberan logo de pasar só 14 anos da súa instalación.
Para facer estes traballos de desmontaxe fará falta un camión de grandes dimensións así como un trailer cunha grúa para sacar a ponte.