Pontevedra foi hoxe o centro de atención dos asistentes e ponentes do XIII Foro da Mobilidade que reuniu en Bilbao esta maña a unhas 70 persas entre especialistas e responsables municipais, auspiciados polo concello desta vila, a Fundación Pons e o Real Automóbil Club Vasco-Navarro. O alcalde Lores interviu cunha ponencia sobre a cidade 30 expoñendo as principais características do sistema local de mobilidade.
Precisamente este sistema foi louvado durante toda a mañá por outros ponentes, incluído o concelleiro de tráfico e mobilidade da cidade anfitriona, Asier Abaunza quen dixo que era unha honra aprender de cidades que levan moito camiño andado, como Pontevedra. Tamén a cidade de Vitoria espuxo a súa experiencia en calmado do tráfico con medidas pouco costosas.
Foi Francisco Paz, Project manager da Fundación Pons para a seguridade viaria, quen durante a súa charla sobre a norma ISO 39001, unha ferramenta para mellorar a seguranza viaria, calificou Pontevedra como un “exemplo de grande impacto internacional, porque cando chegas alí es capaz de percibir a diferencia con outros lugares. Alí é onde te das conta que as persoas non demandan o que non coñecen, por eso é tan importante ver exemplos de éxito como esa cidade”.
Despois de que Lores falase do modelo pontevedrés foi o ex xefe da Unidade Normativa da DXT, Ramón Ledesma, quen sostivo a tese de que Pontevedra é un magnífico exemplo do que denominou “mobilidade vintage”, a tendencia que demandan todas as cidades últimamente, e que Pontevedra xa ten conseguido.
Xa no acto de clausura foi o presidente do Real Automóbil Club Vasco-Navarro, Pedro Martínez de Artola, quen reflexionou “desde o punto de vista dos condutores de automóbiles” do importante que resulta a nova filosofía implantada en Pontevedra, donde existe o concepto de “necesidade” para a circulación a motor: “todos queremos que a rúa na que vivimos sexa realmente unha continuación da nosa casa, un gran centro comercial, polo que resulta moi interesante que só accedan os coches que sexan necesarios”. Non se extrañou este representante dos condutores bascos que Pontevedra aumente poboación, porque “é lóxico que as persoas queiran vivir nos mellores lugares”.