A Concellería de Promoción Económica recibe aos 100 primeiros beneficiarios das becas de emprego

51

Un sinxelo acto na Casa da Luz serviu para dar a benvida aos 100 primeiros beneficiarios do Plan de Emprego Local, que este ano acollerá a uns 180 parados pontevedreses. A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, fixo unha breve intervención e, a continuación asinaron os convenios e recibiron a documentación administrativa que lles permitirá incorporarse aos seus postos o próximo luns.

Carlota Román destacou que, en total, serán 285 persoas as que en poucas semanas estarán realizando prestacións laborais en empresas do municipio. Aos 180 beneficiarios das becas do Plan de Emprego cómpre engadir os 105 participantes nos itinerarios de formación e inserción laboral do programa ILES, que o Concello xestiona con financiamento do Fondo Social Europeo.

No que atinxe aos becados no Plan de Emprego, percibirán 375 euros mensuais por unha prestación a media xornada de catro horas, en horario de mañá ou tarde, e de luns a venres. A duración das becas é de tres meses. Ao non ter carácter de contrato laboral, son compatibles coa prestación por desemprego.

Estes primeiros 100 beneficiarios corresponden a todo tipo de actividades laborais. As empresas seleccionadas para as prácticas son asinantes do Pacto Local polo Emprego, vixente dende 2011. Carlota Román indicou que está a haber dificultades para “colocar” a outros 30 beneficiarios, con titulacións superiores en materias como Arquitectura, Enxeñería e Bioloxía, pero a Concellería agarda ter resolto este inconveniente en poucos días.

Nas próximas semanas serán convocados tamén outros 50 becarios para completar o total previsto de 180 parados para esta segunda edición do Plan de Emprego da Concellería de Promoción Económica. O programa tiña unha dotación inicial de 150.000 euros, pero foi reforzado con outros 60.000 euros (totalizando 210.000 euros) coa última modificación de crédito do Concello.

Durante a súa intervención Carlota Román subliñou que non resulta ningunha satisfacción poder sacar adiante esta iniciativa, porque o certo é que a situación socioeconómica é tan complicada que os pontevedreses, ao igual que o resto dos galegos e españois, vense privados do dereito a un traballo digno.

Lamentou na ausencia total de políticas activas de emprego das Administracións competentes, o Estado e a Xunta de Galicia, polo que a Administración local vese obrigada a tomar medidas que mesmo, como é o caso, nin sequera son da súa competencia.

Finalmente, destacou o compromiso ético na selección dos beneficiarios, en alusión á preselección dos candidatos a partir das listaxes remitidas polos Servizos Públicos de Emprego. Na mesma liña citou á inclusión nas bases da convocatoria dunha esixencia ás empresas participantes, ás que non se lles admite ter despedido ou despedir a ninguén, en postos equivalentes.