O Plan Especial para o aparcamento público de Veteris non terá que someterse a tramitación ambiental previa

41

Vía libre da Consellería de Medio Ambiente ao documento de inicio do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) do aparcamento soterrado Véteris, construído na Unidade de Actuación 35 de Pontevedra.

O departamento autonómico fixo pública a decisión de non someter o documento remitido polo Concello a Avaliación Ambiental Estratéxica, ao considerar que non hai efectos ambientais sustantivos.

Queda así cumprimentado o primeiro trámite derivado da sentenza do Tribunal Supremo do pasado mes de maio que anulaba o Plan Especial por non terse sometido a este trámite ambiental. Un feito derivado dun cambio lexislativo durante a propia tramitación do Plan.

O Plan Especial abrangue unha superficie do ámbito é de 2.148 metros cadrados e ordena a rúa de Antón Fraguas permitindo que o acceso do aparcadoiro público se comparta co dos aparcadoiros privados que serven aos edificios lindantes. Conta con tres plantas de soto. O número total de prazas é de 657 (incluídas as 222 de uso privado), das que 244 están no subsolo do viario público.

Con esta decisión, o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, deu instrucións hoxe mesmo para retomar os trámites do Plan Especial para volver proceder á súa aprobación.

Unha vez que o trámite urbanístico estea completado, o Concello xa estará en disposición de convocar o concurso para adxudicación do aparcamento, conforme as condicións pactadas no seu día coa actual concesionaria.