Mellora da eficiencia enerxética na estrada a Campo Lameiro e na ronda a Monte Porreiro

38

A estrada a Campo Lameiro e o seu entronque coa ronda que une Médico Ballina co barrio de Monte Porreiro, na parroquia de Lérez, disporá en moi breve dunha nova iluminación pública seguindo os criterios de eficiencia enerxética. A Concellaría de Economía que xestiona Raimundo González impulsou a contratación esta mellora desglosada en dous proxectos: por un lado, a instalación da iluminación no tramo da ronda que une Médico Ballina co Mosteiro de Lérez, no cruce coa estrada de Campo Lameiro, que se completa coa contratación do tramo entre o Mosteiro e o barrio de Monte Porreiro a cargo da Deputación provincial; e por outro lado, a substitución das luminarias actuais da estrada xeral a Campo Lameiro entre o empalme de Lérez (onde está a farmacia) até o cruzamento coa estrada camiño de Verducido e Santo André de Xeve.
O primeiro dos proxectos -a iluminación de Médico Ballina ao Mosteiro de Lérez- xa se está a executar por parte da empresa adxudicataria da obra que está valorada en 105.972,36 euros. Setga está a realizar a obra civil de conexión do servizo eléctrico e ten previsto rematar nos vindeiros días a instalación dos farois. A continuación acometerá a instalación no segundo tramo da ronda -do Mosteiro de Lérez ao barrio de Monte Porreiro- adxudicada pola Deputación por un orzamento semellante ao anterior, de tal xeito que este tramo da ronda poda estar iluminada totalmente a mediados do mes de decembro.
Simultáneamente, estes traballos de completarán coa substitución das luminarias na estrada xeral de Campo Lameiro, dende o empalme de Lérez até o cruce coa estrada de Verducido, así como a substitución dos cadros eléctricos. Cun orzamento pouco máis de 20.000 euros, o Concello substituirá as actuais luminarias por leds que reducirán a contaminación lumínica, mellorarán a iluminación pública e reducirán o consumo nun 80% do actual.
A instalación das leds nesta estrada, entra dentro do proxecto de mellora de eficiencia enerxética que está a realizar o Concello en distintos barrios do municipio substituíndo as luminarias de sodio por leds, que xa melloraron substancialmente a iluminación pública en Monte Porreiro, A Seca, o Castañal, Ponte Sampaio, entre outros barrios do concello.