Comeza o proceso de selección dos últimos 51 participantes no Plan de Emprego da Concellería de Promoción Económica

62

As persoas interesadas en participar no Plan de Emprego que dirixe a Concellería de Promoción Económica do Concello de Pontevedra deben dirixirse ata este venres, día 29, incluído, ás oficinas do Servizo Galego de Colocación para manifestar o seu interese en formar parte das listaxes que serán remitidas á institución municipal.

Os únicos requisitos obrigados son: estar empadroado en Pontevedra, ter cumpridos os 18 anos, estar desempregado e dispor de capacidade funcional para desenvolver as tarefas habituais da ocupación que se solicita.

A partir da relación recibida (que incluirá tres aspirantes por cada posto) valoraranse aspectos como ter menos de 30 anos ou máis de 50, ser muller, estar na busca do primeiro emprego, levar parado entre 2 e 5 anos ou, no seu caso, máis de 5 anos. Finalmente, realizarase unha entrevista de selección para valorar a idoneidade dos perfís.

A concelleira Carlota Román destacou repetidamente que a selección resulta totalmente imparcial e “coa mesma porta de entrada para todo o mundo”. Ademais, as bases da convocatoria do departamento de Promoción Económica subliñan moi claramente que as empresas participantes non poden ter despedido a ninguén en postos semellantes.

O Plan de Emprego da Concellería chega este ano a 181 persoas cun orzamento total de 210.000 euros despois de que a partida fose incrementada cunha modificación de crédito. Consiste en becas de tres meses cunha prestación mensual de 375 euros para traballar a media xornada (catro horas diarias). Ao tratarse de becas, sen relación laboral, son plenamente compatibles con prestacións ou subsidios por desemprego.

Esta mesma semana incorporáronse os 100 primeiros participantes. Un segundo grupo de 30 persoas, correspondentes a titulacións superiores, están aínda pendentes de asignación de posto dadas as dificultades para atopar empresas nas que podan prestar servizo. Finalmente, incorporaranse as 51 persoas para as que agora se abre o proceso de selección.

A Concellería de Promoción Económica foi das entidades pioneiras en organizar becas para prácticas en empresas, fórmula que considera máis axeitada que a contratación de persoas para traballos nas Administracións públicas. Ademais, apostou pola selección transparente, a través das oficinas dos Servizos Públicos de Emprego, e agora, como novidade, introdúcese tamén o requisito de que as empresas non poden ter realizado despedimentos nos tres últimos meses ou durante o período de duración das prácticas.