O Concello mellora a seguranza viaria en Domingo Fontán e na avenida do Uruguai

74

Dende hoxe e até o vindeiro 19 de decembro, o Concello de Pontevedra iniciará distintas obras de reparación, pavimentación, mellora da iluminación e seguranza viaria en distintos puntos da cidade, segundo informou esta mañá o concelleiro encargado do mantemento dos espazos urbanos, Luís Bará. A praza de Ourense, a avenida do Uruguai, Domingo Fontán, Padre Gaite e o Paseo Colón son os lugares nos que se fará estes traballos.
Hoxe mesmo comezou a reparación do empedrado da praza de Ourense  a cargo da empresa E.C. Casas, cun orzamento de 23.567,99 euros xa que presenta lousas levantadas e afundimentos. Este espazo debe quedar nas mellores condicións de cara ao inverno dado que se trata unha das prazas principais e máis transitadas da cidade.
Previos a estes traballos, o arqueólogo municipal realizará unhas pequenas catas, unha vez que se levanten as pedras, para ir supervisando si aparecese algún tipo de achado histórico.
Na vindeira semana está previsto que se inicien distintas pavimentacións na calzada e nos pasos de peóns da avenida do Uruguai. A obra estará realizada pola empresa Stradia e ten un orzamento de 53.977 euros.
Outro dos traballos inminentes é o cambio de iluminación da rúa Domingo Fontán, dende a rotonda de bombeiros até a ponte do Burgo. A empresa Setga será a encargada de cambiar os farois da avenida e substituír as luminarias actuais por leds, sistemas de eficiencia enerxética que supoñen un aforro do 80% do consumo actual. O orzamento desta mellora é de 100.492 euros.
Ademais, outra das obras que estaba pendente é a creación de pasos de peóns elevados en Domingo Fontán, fronte a entrada da Xunqueira de Alba. Tamén se executarán pasos elevados en Padre Gaite, entre o estadio da Xuventude e o pavillón universitario; e no Paseo Colón, fronte a rúa Monteleón. Covsa é a empresa que realizará esta obra por 50.572 euros.