As canalizacións do saneamento do Gorgullón achéganse ao Gafos

107

O Concello de Pontevedra acomete nestes días o saneamento do río Gafos nun dos treitos máis visibles: a senda urbana do Gafos. Trátase de renovar toda a rede de servizos de abastecemento de auga potábel, de saneamento e de recollida de pluviais na rúa Gorgullón. O proxecto está incluído dentro do plan de investimentos de Viaqua e ten un orzamento de 318.282,22 euros.
Neste momento a empresa traballa entre a rúa do Muíño e a senda do Gafos para levar a canalización das augas pluviais até o río, así como a conexión das fecais á rede saneamento xeral do Gafos. É visible as zanxas acotadas para evitar o acceso de transeúnes, mentres se instalan as tubaxes.  O Concello prega desculpas as persoas que cada día empregan a senda polas molestias temporais que poidan causar estas necesarias obras, así como lles solicita a súa colaboración evitando invadir a zona acotada e evitar posibles perigos.
O proxecto consiste na substitución das canalizacións de auga potábel de fibrocemento por conducción dúctil. Tamén se dimensionará a rede de saneamento que pasará de ter tubaxes de 315 mm a 500mm e, especialmente os tubos de recollida de augas pluviais que son de 315 mm e de 400 mm segundo os lugares, e pasarán a 630 mm na rúa Gorgullón e a 800 mm no entronque cara o río Gafos.
Os traballos terán unha duración aproximada duns catro meses, aínda que esta previsión poderá variar en función das previsións meteorolóxicas. Raimundo González, concelleiro delegado do ciclo da auga, explicou que con estas obras se solucionarán os asolagamentos habituais na rúa Gorgullón, dado que recibe un caudal de augas pluviais excesivo procedentes de toda a rúa, das perimetrais e tamén de Eduardo Pondal.