Luís Bará achégase esta tarde a memoria represaliada e resistente en Imaxes da memoria

80

O Concelleiro de Patrimonio Histórico e Cultural de Pontevedra, Luís Bará imparte esta tarde a conferencia "Imaxes da memoria", un relato sobre a memoria represaliada e resistente a través dunha escolma de fotografías.
Será na Casa das Campás a partir das 20.30 horas.
Nesta charla Luís Bará, presenta a partir de imaxes, a memoria represaliada e resistente que vén recompilando no seu blog “Non des a esquecemento”.  O relato comeza e remata nun lugar de forte simbolismo, o piñeiro da Caeira no que foron fusilados Alexandre Bóveda, Victor Casas e moitos outros líderes políticos, sindicais e obreiros nos meses posteriores a xullo de 1936. Un lugar que xa non existe mais coñecemos grazas a unha fotografía que lle fixo alí, nos anos 40, Amalia Álvarez, viúva de Boveda, a Cinta Rey, nai de Victor Casas.
“O traballo sobre esta materia comezou no meu concello de Vilaboa, concretamente no lugar onde nacín, Paredes, a comezos de 2014. Pouco a pouco fun descubrindo o que pasou: os procesos, a persecución, as malleiras, o cárcere, a morte… Unha recuperación do pasado que foi posíbel grazas á memoria viva de mulleres octoxenarias, fillas de represaliados, que tiñan a necesidade de contar.  Sorprendeume descubrir que nun lugar tan pequeno houbera tantas persoas represaliadas, unhas 30. A raíz deste traballo coa memoria oral xurdiu a necesidade de crear unha asociación, A Regaduxa, que desenvolvese un labor sistemático de estudo sobre a represión en Vilaboa e de homenaxe ás vítimas”.
Posteriormente comezou a pescudar en aqruivos oficiais, en textos memorialísticos e na memoria oral recompilada polo proxecto Nomes e Voces, que contribuiu a poñer en marcha desde a Dirección Xeral de Cultura durante a súa etapa no goberno galego.
Na conferencia do luns, Luís Bará tratará entre outras as historias de mulleres rapadas como a marinense Elsa Omil ou a vilagarcía Juana Otero, tía de Mariví Villaverde.  Tamén dedicará atención a mulleres asasinadas, como Carmen Pesqueira “A Capirota”, de Marín, e María Vázquez, mestra de Miño (A Coruña). Tampouco faltarán referencias á illa de San Simón, á guerrilla dos anos 40, ou ás redes de fuxida e solidariedade vía Portugal.

https://nondesaesquecemento.blogspot.com.es
sábhtthttps://nondesaesquecemento.blogspot.com.es/p://nondesaesquAS ACTAS DA DIGNIDADE: ELSA OMIL

 

Hai moi poucas imaxes da ignominia, moi poucos rexistros do terror falanxista. En Marín moitas mulleres souberon as maneiras dos matóns e torturadores, dos violadores, dos asasinos. Ignacia Martínez Omil contou para Nomes e Voces a historia da súa familia, martirizada polas súas ideas políticas e pola pertenza á relixión evanxélica. Ignacia Martínez Omil fala con orgullo do seu pai, José Martínez Rodríguez, “Collona”, militante da CNT, presidente da Sociedade de Maquinistas, preso no Lazareto, onde se negou a confesar xunto con Celestino Poza e outros dezaseis homes valentes.
Dos vellos de San Simón, comendo verzas fervidas en auga, desamparados naquel inverno húmido e frío. Dos evanxélicos de Vilar (Silleda) presos na illa pola denuncia dunha mestra. Da súa nai, traballando de costureira polas casas para alimentar a familia nos anos longos en que o pai estivo preso. E da solidariedade das peixeiras de Marín, que lle daban un peso para axudar a sobrelevar a penuria. Tamén se lembra Ignacia Martínez Omil das mulleres vestidas de falanxistas, mulleres novas “de ideas retorsidas” que a insultaban cando ía lavar ao río e na praza diante da xente: – Teñen que paghalas. -Cortar o pelo non é nada, hai que cortarlle o pescozo…
Da súa tía Elsa Omil Torres, que nacera en Boston, onde emigrara o seu pai. Elsa Omil era unha moza nova, non chegaba aos 20 anos, e traballaba na casa dun garda civil. Levárona ao cuartel de Falanxe por dicir que non, por negarse a marchar de Marín coa familia do garda civil cando lle deron un novo destino. Elsa Omil foi castigada, rapada e humillada por dicir que non e por ser dunha familia republicana. Elsa chorou até que lle secaron as bágoas (-Ai meu peliño) no medio das chanzas e dos risos dos falanxistas.
A dobre nacionalidade da moza provocou a intervención do consulado dos EEUU e o caso chegou a sair na prensa norteamericana. E Elsa Omil acabou marchando para os EEUU, mais antes quixo facer un retrato que hoxe é un icono do mal, da sombra sinistra dos criminais que a martirizaron. Mais tamén é a imaxe do compromiso e da loita. A imaxe da beleza e da dignidade. O rexistro da memoria resistente, insubmisa, rebelde. O rostro das mulleres que renacen do silencio de décadas, que volven da noite dos tempos para sentir o noso orgullo, a nosa gratitude.


Para Celso Milleiro, divulgador incansábel da memoria represaliada e resistente de Marín.