Cheo nos Concertos en Familia

165

A quinta edición do ciclo de carácter infantil e familiar, Concertos en Familia, pechou onte co seu derradeiro espectáculo: “O Crebanoces” da Banda de Música de Pontevedra con títeres de Larraitz Urruzola. Un éxito de asistencia tal e como ocorreu cos restantes espectáculos, acadando unha asistencia media do 95%.

Un ano máis o fío conductor foi a música e con ela, a colaboración habitual da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra nos dous primeiros espectáculos e, por primeira vez neste ciclo, a da Banda de Música de Pontevedra na outra metade. Como sempre un traballo excepcional que fixo as delicias de familas e tamén de centros escolares que poideron gozar das función concertadas.

A primeira representación do programa tiña lugar o 12 de outubro con “Vai de Mozart”, un espectáculo deseñado para este ciclo pola OFCP, baseado no conto dos irmáns Grimm e co traballo de Judith Rey como narradora, que a piques estivo de colgar o cartel de non hai entradas. Ao día seguinte, a acollida por parte dos centros escolares foi igual de boa e nenos/as de Pontevedra, Lérez, Mourente e Campañó gozaron da funcións concertada.

O 2 de novembro chegaba “O gato con botas” que completou o seu aforo tanto na función para público familiar como na escolar. Música novamente da OFCP acompañada pola narradora Olalla González e as ilustracións de Marc Taeger.

As colaboracións da BMP iniciáronse con 3º espectáculo, a estrea absoluta dos títeres de Fantoches Baj “Pedro e o lobo” o 23 de novembro. Novamente, ocupáronse as 434 butacas do Principal na única función de carácter familiar.

A valoración polo tanto do ciclo en xeral e de cada un dos espectáculos por separado foi máis que positiva, acadando unha asistencia media do 95% tanto nas funcións para público en xeral coma as dos centros escolares.

Logo de 5 edicións, o ciclo está consolidado na nosa cidade e tanto as familas como os centros de ensino consideran que é unha fabulosa oportunidade de educar o oído musical dos nenos/as dende moi novos, sentando as bases do que logo se convertirá nun excelente público adulto non só no ámbito musical, senón doutras disciplinas artísticas coma o teatro ou a danza.