“Dura Lex”, o novo espectáculo de Volta e Dálle

66

Comedia satírica sobre a Xustiza, a cargo de Volta e Dálle Teatro.

Prezo 8 € (4€ para estudantes, parados e xubilados) e o propio día da función 1h. antes na billeteira. A recadación da billeteira será destinada ao Observatorio dos Dereitos e Liberdades Esculca.

O xuíz Salomón da Silva, natural de Nacente, aldea perdida no Souto da Retorta, convoca un acto promocional para presentar un invento revolucionario, a DURA LEX PRO 1.0, a máquina de facer xustiza. Víctima dunha conspiración urdida nas intrincadas canalizacións do poder xudicial, o xuíz Salomón da Silva quere redimirse dando a coñecer o froito de máis de vinte anos de traballo e investigación.

Entre as variadas prestacións do invento destaca a súa axilidade no procesamento de condutas delictivas, a súa economía de medios facilitada pola supresión de fiscais, avogados, procuradores e outros roles xurídicos, e a súa irreprochable imparcialidade mecánica. Ante a urxencia de reformas e recortes no eido xudicial, sancionada pola crise e a política gubernamental, o noso xuíz ofrece á sociedade a solución perfecta a todas as imperfeccións do sistema xudicial.