Obras de seguranza viaria no ámbito das pontes, e transformación na avenida da Estación

45

O Concello de Pontevedra incorpora esta semana novas obras á carteira de proxectos que ten en marcha en distintos puntos da cidade. Traballos de accesibilidade e mellora da seguranza viaria en Domingo Fontán, Padre Gaite, na avenida de Uruguai suporán importantes cambios para a mobilidade peonil nestes ámbitos, ao igual que a transformación que comeza a vivir a rúa da Estación, grazas ao proxecto de mellora incluído no desdobramento da avenida de Vigo.
No ámbito da Ponte das Correntes, o Concello iniciou esta mañá a pavimentación dun paso de peóns elevado (con carril bici) na rúa Domingo Fontán. Este paso de peóns permitirá mellorar a seguranza viaria das ducias de persoas que se desprazan á Xunqueira de Alba como lugar de esparcemento e lecer.
Os traballos previos para a construción deste paso de peóns comezaron hai unhas semanas (elevación de beirarrúa e creación de orellas) e complétase esta maña coa instalación do paso sobreelevado.
Tamén comezarán esta tarde a instalación doutro paso elevado na rúa Padre Gaite, o máis próximo á avenida de Bos Aires, onde é preciso mellorar a seguranza viaria por ser un dos máis empregados polos peóns cara a entrada na cidade por esta vía, e por atoparse a carón de distintas instalacións educativas.
Estas dúas obras implican restriccións do tráfico nos seus repectivos ámbitos. No caso de Domingo Fontán comezaron ás 09.30 horas, logo da entrada dos escolares nos centros de ensino, e en Padre Gaite será a partir das 15.00 horas.

Avenida do Uruguai
Tamén esta semana comezaron os traballos previos á mellora da seguranza varia e, posterior, pavimentación de distintos tramos na avenida do Uruguai entre a ponte do Burgo e o Náutico. Estas obras están valoradas en 53.977,83 euros.
Comezaron pola eliminación de barreiras no paso de peóns xunto ao Náutico, onde está previsto sobreelevalo para dar garantías ás persoas que transitan por este lado da ponte tanto cara á cidade como cara á Xunqueira de Alba ou ao paseo do río.
Estanse a realizar obras de demolición previas á elevación da beirarrúa para, finalmente, sobreelevar a calzada. Estes traballos completaranse nas vindeiras semanas coa pavimentación da entrada á Ponte do Burgo, dende a avenida do Uruguai, e tamén a reparación das xuntas de dilatación neste punto.  Ademais, tamén está previsto a pavimentación da rotonda de Galera, así como a retirada de semáforos en parte da avenida, tal e como anunciara no seu día o concelleiro de obras, Luís Bará.

Rúa da Estación
Tamén especialmente significativo é o cambio de fisonomía que está a vivir a avenida da Estación, dende o seu entronque co novo desdobramento da avenida de Vigo. Este proxecto está incluído como mellora dentro da construcción do desdobramento da avenida de Vigo e ten un orzamento de 304.411 euros.
As obras do desdobramento xa chegaron á avenida da Estación, e obrigou a pechar un carril de tráfico e a pintar dous carrís provisionais  (na zona onde estaba a sala de exposicións Jaime Trigo), ao eliminar o estacionamento en batería da zona. Neste ámbito habilitarase unha gran rotonda que xestionará o tráfico.
Ao mesmo tempo, xa está fresada toda a zona de estacionamento da avenida da Estación que se transformará en beirarrúas equipadas con árbores e mobiliario urbano.