O drama da Guerra Civil, a represión e a ditadura, no documental

76

O Teatro Principal acolle este mércores, ás 20.00 horas, a proxección do documental ‘A Pegada dos avós’, un traballo que aborda a memoria histórica dende un punto de vista moi pouco tratado, pois as persoas que buscan respostas son un grupo de sete adolescentes estudantes do último curso de bacharelato artístico do IES As Adormideiras da Coruña. Estes rapaces percorren, 75 anos despois, un particular camiño tratando de investigar a historia da xeración que viviu o golpe de 1936. En primeira persoa, terán que se enfrontar á dureza dos seus descubrimentos e explicar as implicacións que poida ter esta decisión nas súas vidas.
Escollen as historias de José Villaverde e de Amada García para afondaren nun tema sobre o que non tiñan case información. Dende a súa mirada intentarán comprender o drama da guerra civil española, a ditadura, a represión e, como din eles "coñecer de primeira man o que non vén nos libros”. Ademais, as rapazas e rapaces logran falar con catro dos principais expertos neste tema: o escritor Manuel Rivas, o xuíz Baltasar Garzón, o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) Fernando Souto e o historiador Emilio Grandío.
Julia Lago, unha das protagonistas do documental, asegura que a mocidade “sabe que se viviu esa traxedia, pero hai moita ignorancia sobre o tema, porque non sabemos realmente da gravidade do que eles viviron”. O que buscan coas proxeccións ante os estudantes é “que se involucren no asunto, que o teñan moito máis presente e que a nosa xeración tome o relevo de indagar sobre esas feridas que seguen abertas, ardentes e que aínda están a procurar unha resposta. Hai moita xente que morreu para que hoxe tiveramos unha democracia. Non son só nomes e datas, senón historias de persoas que aínda teñen moitos interrogantes”.

Proxeccións
A proxección deste documental forma parte da programación do Concello de Pontevedra arredor da recuperación da memoria histórica e está organizada pola Concellaría de Patrimonio Histórico e o Ateneo de Pontevedra. Esta actividade vai dirixida ao público en xeral, mais sobre todo interesa chegar ao alumnado dos institutos, para motivalos no traballo de recollida da memoria oral a partir da experiencia que poden ver no documental.
O mércores haberá unha sesión ás 11.45 horas no Teatro Principal á que asistirán 150 alumnas e alumnos do IES Martín Sarmiento, IES A Xunqueira I e CIFP A Xunqueira. Posteriormente está previsto programar o documental noutros centros que amosaron interese.
Pola tarde, ás 20.00 horas terá lugar no Teatro Principal o pase aberto a todo o público interesado. A entrada é libre e de balde até completar aforo.
Nesta sesión participarán Xosé Abad, director do documental (Tlf: 627470165), e Julia Lago, unha das protagonistas que actualmente estuda Belas Artes en Pontevedra (Tlf: 628071122).