A Concellería de Educación inviste 20.000 euros na revisión completa dos sistemas de calefacción dos colexios

61

A vintena de colexios de Educación Infantil e Primaria do Concello de Pontevedra afrontan o inverno sen maiores problemas nos seus sistemas de calefacción. Máis alá das pequenas avarías e reparacións non se teñen rexistrado incidencias.

A Concellería de Educación está a afrontar nas últimas semanas unha revisión preventiva completa das calefaccións, todas elas a partir de gasoil, para garantir o seu correcto funcionamento ata o próximo curso. As actuacións, que abranguen a práctica totalidade dos centros, aproxímase aos 20.000 euros.

O concelleiro Agustín Fernández destaca, non obstante, que unha parte das caldeiras teñen xa case 30 anos e están a piques de esgotar a súa vida útil. Ao Concello correspóndelle, dentro do actual reparto de competencias, o mantemento e conservación.

A Concellería de Educación está elaborando un informe para entregar á Consellería de Educación para que vaia planificando o investimento necesario. Ao tratarse de investimento novo, o gasto corresponde a este departamento da Xunta de Galicia.