A Concellería de Deportes agarda que 3.000 ciclistas participen no calendario de BTT deste ano

79

O ano 2015 é o da aposta pola bicicleta todo terreo (BTT) na programación deportiva municipal. Un total de catro probas compoñen un calendario que pretende ser o cerne dun calendario estable que afiance a Pontevedra como un referente nesta modalidade deportiva.

O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, presentou hoxe a programación acompañado de Abel Farto (club ciclista Farto), José Víctor Cimadevila, Juan Ferreiros e Silvia Couselo (A Roda do Demo) e Manuel Beloso (Aromon, Montañeiros A Roelo).

Fernández adiantou que agárdase a participación de 3.000 ciclistas nas catro probas do calendario. Dos que unha parte importante deben ser deportistas chegados dende fóra de Pontevedra.

O ano BTT comeza o 29 de marzo, coa segunda Ruta Cidade de Pontevedra, para a que se agarda un mínimo de 1.000 participantes; o 19 de abril será o día do Pontevedra 4 Picos Bike&Trail, que parte tamén coa ambición de chegar ao milleiro de inscritos; o 3 de outubro celébrase a segunda edición da Pontevedra 12 horas. Non Stop, coa intención de superar os 500 ciclistas. Finalmente,o 14 de novembro péchase o programa coa chegada da Liga Galega de BTT de Orientación. A pesar de tratarse dunha proba especializada confíase en alcanzar os 300 participantes.

O concelleiro destacou que Pontevedra é unha referencia na organización de competicións deportivas de elite. O Concello apostou por unha incardinación das políticas deportiva e turística que achegou magníficos resultados. Non obstante, agora toca diversificar esa estratexia chegando tamén ao deporte popular e organizando eventos propios con gran poder de atracción.

Estamos convencidos de que o BTT pode atraer moita xente a Pontevedra porque esta cidade ten unhas condicións estupendas para a práctica desta especialidade, subliñou o concelleiro. Os ciclistas de montaña son xente que aprecia especialmente a calidade das probas e as facilidades que se lles ofrecen. Moitos desprázanse anualmente a diversas probas por toda España e aspiramos a facernos un oco.

Agustín Fernández engadiu que a Concellería de Deportes xa fixo unha aposta polo deporte popular coa creación do Circuíto de Carreiras Populares (CCCP) que posicionou a Pontevedra no eido da carreira a pé, pero hai tempo que teñamos gañas de entrar no segmento do BTT.