O Concello apoia a creación do sector industrial na comarca

87

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá á Plataforma de empresarios en defensa do sector industrial na comarca. O encontro que foi cordial e enriquecedor, segundo explicou o alcalde, tamén contou coa presenza do portavoz do Goberno, Raimundo González Carballo.

Ao seu remate Fernández Lores explicou que tanto o Concello como a Plataforma “estamos de acordo en apoiar as actividades industriais no concello e na comarca”. “Nós estamos de acordo en apoiar e potenciar ao sector industrial, e tamén estamos de acordo na necesidade en que o Porto de Marín teña actividade e se resolva a problemática da sentenza porque hai moita xente que traballa no Porto”, aclaraba o alcalde, “outra cousa é que esixamos as responsabilidades políticas de quen fixo iso”.

Tamén indicou que a discrepancia que mantén coa Plataforma de empresarios – “que todos traballan directamente para Ence”- é que Ence se manteña na ría. “É unha posición que non imos variar”. O alcalde lembrou que a empresa tivo moito tempo para estudar o seu traslado “e non atoparmos a tres anos da caducidade da súa concesión, con esta situación”.

Lores destacou que o Concello segue a defender que o traslado de Ence é máis rendíbel para a cidade e para a comarca ao facer un maior aproveitamento dos recursos da ría.

Por outro lado, o alcalde indicoulles que “estamos encantados de instalar máis industrias na cidade, de que a Xunta aprobe o PXOM onde se inclúen moitos metros cadrados de solo industrial; da creación dun porto seco…”, pero a competencia da creación de emprego e da potenciación do sector industrial recae integramente na Xunta de Galicia.

Pola súa banda os empresarios destacaron que se tratou dunha visita de “cortesía” na que aproveitaron para dar parabéns ao alcalde polo premio ONU-Habitat á cidade de Pontevedra, que recollerá o martes en Dubai. Tamén recoñeceron a súa discrepancia en Ence unha industria pesada da que destacan a súa “necesidade de permanencia para que a cidade se desenvolva”, manifesto Agustín Nogueira, membro da Plataforma.