Francesco Tonucci, Jorge Mira, Ángel Carracedo, propostas para adultos no Salón do Libro

116

O público adulto ten tamén un espazo importante na programación da XVI edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que estará aberto do 27 de febreiro ao 28 de marzo no Pazo da Cultura de Pontevedra e que este ano leva por título ‘Da ciencia á ficción’. Recoñecidos persoeiros como o divulgador científico Jorge Mira, o psicopedagogo e debuxante italiano Francesco Tonucci, o catedrático de medicina legal e forense Ángel Carracedo, o editor Manuel Bragado, as escritoras Marilar Aleixandre e María Solar e o ilustrador David Pintor, entre outros, participarán nunha serie de actividades destinadas a maiores.

Conferencias

Francesco Tonucci, pensador e debuxante de Italia, é autor de numerosas publicacións sobre o papel dos nenos no ecosistema urbano e de artículos en revistas de varios países. No Salón do Libro ofrecerá a conferencia ‘A cidade dos nenos: unha nova filosofía de goberno de cidade’, que contará coa intervención de Antón Costa, autor do limiar do libro ‘A cidade dos nenos’, editado por Kalandraka. Será o 12 de marzó ás 18:00 horas.

O catedrático de electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela Jorge Mira, coñecido tamén pola súa participación no programa da TVG ‘Cifras e letras’, chegará ao Salón do Libro o 14 de marzo (12:00 horas) coa charla ‘A que altura está o ceo?’, unha cuestión que o ser humano se leva facendo dende os inicios dos tempos que que supón un encontro previo á publicación dun libro que verá a luz a principios do vindeiro curso.

Pola súa banda, o catedrático de medicina legal e forense Ángel Carracedo, director da Fundación Pública Gallega de Medicina Genómica, disertará sobre ‘ADN forense: un presente que parece ficción’. O experto en xenética estará no Pazo da Cultura o 16 de marzo ás 19:30 horas. Carracedo é autor de varios libros e centos de publicacións. Actualmente coordina a investigación coa labor docente.

A derradeira das conferencias correrá a cargo de María Solar o 27 de marzo (18:00 horas). A xornalista e escritora galega ofrecerá da man do Consello Superior de Investigacións Científicas ‘Isabel Zendala: cando a literatura rescata á ciencia’.

Presentacións de libros

A primeira da presentacións de libros terá lugar o 28 de febreiro (19:30 horas). Trátase da obra gañadora do Premio Lazarillo 2014, ‘O meu pesadelo favorito’, de María Solar. O galardón, convocado pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil, é un dos máis antigos na súa categoría e convócase dende 1958. Seguindo o ronsel de ‘Alicia no País das Marabillas’, os distintos capítulos van contando diferentes mundos cheos de personaxes inesquecibles.

O 6 de marzo (19:30 horas) presentarase a publicación ‘Antimateria, magia y poesía’, de José Edelstein e Andrés Gomberoft, que forma parte da colección de divulgación da USC. Intervirán no acto o investigador Jorge Mira, director da compilación, e o mesmo Edelstein.

María Lado será a protagonista da presentación de ‘Porque Cuqui non quere ir á lavadora’, da Editorial Apiario, o 20 de marzo (19:00 horas). Trátase dunha publicación con ilustracións de Yanina Torres Tuirán.

Coloquios

O Salón do Libro ofrecerá tres mesas redondas. A primeira delas, ‘Alimarias, estrelas e clons’, terá lugar o 13 de marzo (19:00 horas) e estará coordinada por Marilar Aleixandre. Organizada polo Consello da Cultura Galega, versará sobre os xeitos da ciencia de contar o mundo, unha amena narración argumentada.

Ao rematar o debate presenterase o ‘Cómic do Solo’, do CSIC, reeditado co gallo da celebración do Ano Internacional do Solo.

O segundo coloquio, o 14 de marzo ás 19:00 horas, tratará sobre as fortalezas e debilidades da literatura infantil e xuvenil e estará moderada por Paz Castro, de Kalandraka. Participarán Manuel Bragado (Edicións Xerais), Blanca Roig, David Pintor, Xavier Senín e Romina Bal.

A derradeira das mesas, ‘A literatura infantil e os temas feos’, celebrarase o 22 de marzo ás 19:30 horas e consistirá na conversa de dous creadores sobre cuestións de difícil comunicación aos menores, como o cancro, a morte ou o alzhéimer. Libros como ‘A mamá que perdeu as cóxegas’ ou ‘Chamádeme Simbad’ facilitarán o debate.

Cafés científicos

Os cafés científicos ‘MatematicaMENTE!’ e ‘COSMOS’ consistirán nunha orixinal aposta polo achegamento ao público adulto en xeral en emprazamentos como a cervexaría ‘Dr. Livingstone, supongo’ e a cafetería do Pazo da Cultura. Terán lugar o 6 e o 13 de marzo, respectivamente. Ambos ás 20:30 horas. Contarán con expertos como Elena Vázquez Abal, Casto Rivadulla, Vicente Mohedano, Xurxo Mariño e Enrique Zas.

Tamén para adultos, nesta ocasión baixo o título de ‘Ciencia na casa para pais e nais atrevidos’, é o obradoiro do CSIC Galicia, unha proposta para o 20 de marzo na que se farán enxeñosos experimentos.

Gala das letras

O Salón do Libro acollerá a X Noite da Edición de Galicia coa entrega dos Premios ‘Ánxel Casal 2014’, organizada pola Asociación Galega de Editores. Os galardóns, convocados polo Concello de Santiago dende 1996, contan con varias modalidades: poesía, teatro e conto. Levan o nome do galeguista que foi alcalde da capital compostelana. A gala terá lugar o 13 de marzo, a partir das 19:00 horas.