“Causas Comúns” retorna de Bissau coa exposición fotográfica ‘África, soños e mentiras’

241

O proxecto Causas Comúns, a prol dos Dereitos Humanos tanto en Europa como nos países do Sur, iniciará a súa segunda fase en Pontevedra coa exposición ‘África, soños e mentiras’, que se inaugurará o día 3 de febreiro ás 19 horas. As fotografías de Gabriel Tizón amosaranse na Facultade de Belas Artes ata o 20 de marzo, para despois percorrer distintos centros sociais e de ensino. A partir do verán, a mostra visitará outras administracións socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A asociación municipalista e o Concello de Pontevedra cofinancian o proxecto Causas Comúns, que arrincaba a comezos de ano en Guinea Bissau coa xira da exposición ‘Europa, realidade dun soño’ por diferentes aldeas, en colaboración coa ONG Ecas-D. O obxectivo era dar a coñecer entre o pobo africano unha Europa descoñecida, chea de dificultades económicas e sociais, para visibilizar os obstáculos que se poden atopar se deciden emigrar.

Alén das correspondentes charlas de presentación, en moitos casos dirixidas a mocidade, Gabriel Tizón e a traballadora social Rocío Botana desenvolveron durante a súa estadía de tres semanas en Guinea Bissau outras actividades no marco de Causas Comúns, como formacións para fotógrafos locais cunha mirada comprometida ou obradoiros para a elaboración de proxectos dirixidos ás asociacións que buscan dar resposta ás necesidades da zona.

O obxectivo de Causas Comúns é informar e sensibilizar a través da fotografía como idioma común, tanto ao pobo galego como ao de Guinea Bissau, do cada vez máis evidente incumprimento dos Dereitos Humanos tanto en África como en Europa. A vivenda, o traballo, a comida, a xustiza… Son xa artigos de luxo, non só nos países empobrecidos.

Nenos soldado no Salón do Libro

O paso de Causas Comúns polo territorio africano permitiu tomar contacto con Momar Badiane, artista do barrio mariñeiro Yoff Tonghor, preto da capital de Senegal. A súa obra darase a coñecer no Salón do Libro, cunha selección de debuxos de denuncia e reflexión sobre a dramática situación dos nenos soldado, que afecta a milleiros de rapazas e rapaces no continente africano. A exposición amosarase no Auditorio de Pontevedra entre o 27 de febreiro e o 28 de marzo.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.