Xurxo Mariño agasalla aos asistentes cun relato da súa viaxe arredor do mundo

208

O científico e divulgador Xurxo Mariño repartirá mañá martes entre o público que asista á conferencia que dará no Salón do Libro de Pontevedra exemplares dun relato que escribiu durante a súa viaxe arredor do mundo. Será mañá ás 19:30 horas no Salón de Actos do Pazo da Cultura e está pensada para público a partir dos 12 anos.

‘A incrible historia de Geobot’ é a dun robot con moita experiencia que traballou durante décadas para a Universidad de São Paulo. “Intelixente, o que se di intelixente, non parecía. Ou ao mellor non tivera tempo de demostralo”.

Mariño ofrecerá ‘Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo’, na que falará das súas experiencias por numerosos países, centrándoas na ciencia e na antropoloxía. Durante esta escapada de preto dun ano, o divulgador tivo a idea de crear este relato, que é só unha parte do libro no que está a traballar.

A intervención de Xurxo Mariño completa a programación de mañá aberta ao público, que comezará co obradoiro ‘Contos de ciencia ficción’ (17:30 horas), impartido pola Compañía Mirari Urruzola, aconsellado para nenos de 6 a 12 anos e para o que é precisa a inscrición previa, que se pode realizar no própio Salón.

Seguiralle a sesión de contacontos ‘Dalle voltas, Da Vinci!’, con Brais das Ortas, que é de entrada libre e para menores de 4 a 10 anos.

María Lado e Lucía Aldao ofrecerán o espectáculo interactivo ‘A guerra dos números’ (18:30 horas), no que contarán coa colaboración do Seminario Permanente de Jazz Trío. Neste caso é preciso a compra de entradas, a 3 euros, que se poden adquirir no Pazo da Cultura dende unha hora antes de que comece.

Exposición de Miguel Vidal

O programa do mércores inclué a inauguración da exposición do fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal, autor das imaxes de ‘Cociñando contos. Búscate no Salón’, onde se compilan instantáneas da pasada edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Será ás 20:00 horas na Galería Sargadelos.

Así mesmo, e xa no Pazo da Cultura, ás 17:30 horas terá lugar o obradoiro ‘Arquitectura de contos’ –de balde, pero con inscrición previa. Para nenos de 6 a 10 anos– e a sesión de contacontos de Andrea Bayer ‘Contos para Lúa’ –a partir de 3 anos e de entrada libre ata completar cabida– á 18:00 horas.