Humanoides do futuro, arenoglifos ou pompas de xabón, obraidoros do Salón do Libro

188

Investigar, experimentar, coñecer e aprender, pero, sobre todo, participar e divertirse. Eses son os obxectivos dos numerosos obradoiros que estes días están a ter lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra. A XVI edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que leva por título ‘Da ciencia á ficción’, ofrece numerosas actividades pensadas para os nenos e incluso para os seus pais. Os talleres teñen lugar polas mañás, en sesións concertadas cos centros escolares, e polas tardes, en entregas abertas ao público e con inscrición previa.

‘You CAN: aprender inglés non é unha LATA’  é un dos máis demandados. Dinamizado por Caxoto, os rapaces aprenden novos termos na lingua de Shakespeare e expresións nas que os xogos de palabras son os protagonistas. Coa frase “Sabedes que as latas teñen unha vida moi interesante?” comeza un obradoiro para o que a sala habilitada adoita quedar pequena.

Tamén ten moi boa aceptación por parte do público ‘Somos casi Cyborgs’, no que aos máis pequenos lles queda bastante claro como funciona a electrónica a través de nocións básicas adaptadas polos monitores á súa franxa de idade. Os rapaces marchan do Salón do Libro cun parche de tea ao que eles mesmos incorporan un pulsador que os convirte case, case en robots, en humanoides do futuro.

A Unidade de Cultura Científica do CSIC Galicia está detrás do obradoiro ‘Arenoglifos’, no que os rapaces reproducen con area e témpera calcos orixinais de petroglifos da comarca: A Caeira, Campo Lameiro e Mogor. Aínda que os materiais están adaptados ao público infantil, este coñece de primeira man os que os nosos antepasados utilizaron na prehistoria galega: crin de cabalo, ósos de ave, minerais…

Máis sinxelo é ‘Píntame un conto’, realizado con oito historias publicadas pola editora pontevedresa OQO: ‘A guerra dos números’, ‘Maxia!’, ‘Quen pode vender ao vento?’, ‘A árbore tan pouco árbore’, ‘A viaxe das bolboretas’, ‘O embigo de Xanecas’, ‘Un can e un gato’ e ‘Mago rosa’. Neste taller, os nenos, acompañados polos seus pais, pintan eles mesmos aos protagonistas dos contos.

A oferta complétase con moitos máis obradoiros, que varían segundo a semana e que terán lugar ata o 28 de marzo no Pazo da Cultura e no Recinto Feiral. Para mañá venres hai previstos dous: ‘A ciencia das pompas de xabón’ e ‘Quen voa máis lonxe’. No primeiro deles, destinado a nenos a partir dos 6 anos, os participantes poderán coñecer e experimentar a fórmula axeitada para conseguir unha perfecta pompa de xabón. No segundo, pensado para rapaces a partir dos 7 anos, aprenderán como se inventaron os avións e construirán as súas propias naves de papel, que farán voar.

‘A ciencia das pompas de xabón’ terá lugar ás 17:30 horas, mentres que ‘Quen voa máis lonxe’ ofrecerá dúas sesións: ás 17:30 e ás 18:30 horas. Para participar en calquera deles é preciso inscribirse no punto de información habilitado para tal fin no Salón do Libro. Pódense consultar todos os obradoiros dispoñibles durante o que resta de mes na web www.salondolibro.org.