O XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra recibe 11.178 visitas na súa primeira semana

152

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra 2015 recibiu na súa primeira semana a visita de 11.178 persoas, unha cifra superior ao mesmo periodo da edición do ano pasado, cando foran 11.000 as que se achegaran ata as instalacións do Pazo da Cultura.

O balance inclúe asistentes tanto aos obradoiros concertados polas mañás para centros escolares coma as visitas que teñen lugar polas tardes para o público en xeral. Esta diferenza de asistentes, sinala a organización do evento cultural, é aínda maior en termos relativos se se ten en conta que este ano se ofrece só unha quenda de obradoiros concertados ás mañás, fronte ás dúas que se celebraban en anteriores edicións.

A cita coa lectura comezou o pasado 27 de febreiro e estenderase ata o 28 de marzo, unha semana máis do que en anos pasados. Ademais, outra novidade en 2015 é que tamén teñen lugar actividades e exposicións no Recinto Feiral.

O máis exitoso

Entre os espectáculos máis exitosos entre o público hai que salientar ‘A maxia da química’, de entrada libre; o teatro para bebés ‘Catro tempos’, con entradas a 3 euros; o concerto ‘Peter Pan’, coa Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, e ‘A pel da auga’, de Pep Bou, ambos tamén de pago a 3 euros a localidade. A estes hai que engadir outros que, non sendo específicos do Salón do Libro, pasaron a formar parte da súa programación, como o ‘Show de maxia familiar’ de Pedro Volta ou a derradeira sesión de Domingos do Principal 2015 coa peza ‘Pulgarcito’.

Como cada ano, os obradoiros, nos que os nenos aprenden xogando, teñen un gran tirón entre o público infantil. Segundo a organización, e en base aos datos do punto de información instalado no Pazo da Cultura, os talleres de inscrición previa esgotan cada día as prazas dispoñibles. Os que máis gustaron ata o momento entre os nenos son o ‘Obradoiro de Robótica’, ‘Somos casi Cyborgs’ e o de ‘Arenoglifos’ do CSIC.

Cada tarde teñen lugar contacontos en cada recuncho do Salón do Libro. Estes, de cabida limitada, tamén contan cunha gran acollida entre os máis pequenos e esgotan as súas prazas.

Tendo en conta os datos compilados no punto informativo, o perfil do visitante ao Salón do Libro polas tardes, cando está aberto ao público en xeral, é unha familia de mediana idade con fillos de entre 4 e 10 anos. As fins de semana acuden ambos proxenitores cos nenos, mentres que entre semana hai unha lixeira maioría de nais respecto a pais.

Pero ademais, estes días están a pasar polo Pazo da Cultura, e dende hoxe polo Recinto Feiral, persoas de avanzada idade que simplemente teñen interese na lectura e que acuden sen nenos.

A procedencia do público é maioritariamente local, pero tamén hai que salientar o que vén dende outros concellos da provincia como Marín, Poio, Cambados, O Grove, Vilaboa, Redondela e Vigo, entre outros. A el hai que sumar o doutras provincias como A Coruña (Santiago de Compostela, Rois, Carral, Pobra do Caramiñal…) ou Ourense (O Carballiño).

Comunicación

Segundo a información coa que conta a organización, a publicidade exterior e en medios de comunicación é o xeito máis frecuente polo que os que xa visitaron as instalacións souberon este ano da edición XVI do Salón do Libro. A esta vía hai que engadir o coñecido como ‘boca a boca’, as redes sociais e os propios centros escolares, aos que se lles distribuiron folletos para que repartiran entre o alumnado que, á súa vez, informou aos seus pais.

Precisamente, as redes sociais e internet en xeral é unha das grandes apostas deste ano do Salón do Libro, organizado pola Concellería de Cultura, con Anxos Riveiro á cabeza.

Nesta liña, e analizando as estatísticas de Facebook, o número de persoas que interactuaron  na páxina do Salón do Libro creceu un 23% e alcanzou as 2.140 na última semana -a que coincide coa súa apertura ao público- e a cantidade recibida de ‘me gusta’ ás súas publicacións aumentou un 11% ao situarse en 1.344. Os ‘post’ que máis alcance tiveron entre os seguidores nesta rede social son os álbumes fotográficos e os vídeos, que están a recibir excelentes críticas, tanto pola súa alta calidade artística como por supoñer un xeito de vinculación do público co Salón do Libro. Ademais, estes álbumes están a ser publicados tamén na páxina web www.salondolibro.org.

Precisamente, este espazo virtual rexistrou interesantes cambios en febreiro, ao aumentar máis de un 530% respecto a xaneiro as sesións realizadas dende España, sendo un total de 6.462. Salondolibro.org tamén recibiu nestas últimas catro semanas visitas dende outros países como Brasil (36 visitas), Portugal (29), Reino Unido (24), China (10), México (10), Estados Unidos (10), Arxentina (8), Italia (7) e Perú (7).

A maioría das búsquedas que se realizan na páxina web oficial do Salón teñen lugar a través dunha búsqueda directa en Google e aumentaron un 633% no último mes. Neste sentido, tamén é salientable o dato que revela que creceu nun 470% o número de achegas a través de enlaces nas redes sociais, como Facebook ou Twitter.

Recinto Feiral e concerto de Xoan Curiel

O Salón do Libro abriuse hoxe tamén ao Recinto Feiral, onde ofrece xogos, obradoiros e exposicións relacionados coa temática deste ano, ‘Da ciencia á ficción’.

Mañá domingo terá lugar no Salón de Actos do Pazo da Cultura o concerto ‘Xente miuda, moita fartura’, de Pablo Díaz, Tito Calviño e Carmen Rey, para público familiar e nenos de 0 a 5 anos. Serán dúas sesións, ás 12.00 e ás 18.00 horas. As entradas, a 3 euros, pódense adquirir no mesmo Pazo dende unha hora antes de que comece cada unha das entregas, é dicir, dende as 11.00 e as 17.00 horas.

Ademais, o programa conta coa actuación de Xoan Curiel ‘Estamos no verán’ no Auditorio do Pazo (18.30 horas). Está pensado para público familiar e nenos de 6 a 12 anos. As localidades tamén son a 3 euros e pódense mercar no Pazo dende as 17.30 horas.

O programa completo pódese visitar en www.salondolibro.org