Na Ferraría, “Do gris ao violeta”

393

A praza da Ferraría acolle dende esta mañá a exposición Do gris ao violeta, o primeiro paso dun percorrido que permita ver a cidade en feminino. Pontevedra non sería quen é sen as mulleres que a habitaron ao longo dos séculos e esta exposición pretende darlle visibilidade a algunhas delas como homenaxe a todas. Mulleres de distintos perfís, de distintos pensamentos e condicións sociais. Pioneiras e intelectuais que deron un paso adiante nun mundo de homes. Traballadoras que camiñaron á par deles para construír a súa vida. Resistentes que saíron adiante cando a barbarie deixou aos seus compañeiros atrás.
Do gris ao violeta é unha mostra composta por seis apartados. Neles recóllense as distintas fases da vida dunha mulleres e a loita do sexo feminino por encher as aulas. Homenaxéase ás pioneiras, mulleres adiantadas ao seu tempo en distintos ámbitos da sociedade pontevedresa, e a todas as traballadoras que coas súas mans construíron unha vida deixando atrás o tempo dos soños. Lembra os efectos que sobre todas as mulleres tivo a cruenta represión nacida do 36 e rescata os rostros dalgunhas das vítimas que máis directamente padeceron a barbarie fascista. Do gris ao violeta tece fíos na liña do tempo para destacar o papel xogado ao longo da historia polas mulleres de Pontevedra, donas de seu, e ponlle rostro e dezaseis delas, en representación das miles de biografías perdidas xa para o recordo.