Normalización e a EOI organizan o VI Certame de microrrelatos en galego

173

A Escola Oficial de Idiomas (EOI) acolle esta tarde o VI Certame de microrrelatos en galego, unha actividade coa que colabora a Concellaría de Normalización Lingüística. Comezará ás 19.00 horas e celebrarase no Salón de actos da escola de idiomas, e simultaneamente nos centros da Estrada e Lalín. Terá unha duración dunhas dúas horas.

As persoas participantes deberán crear un texto literario de 150 palabras como máximo “in situ”, isto é, no mesmo salón de actos da EOI de Pontevedra ou dos centros da Estrada e de Lalín, durante 2 horas, a partir da “inspiración” que lles suxiran tres palabras escollidas ao chou no momento de comezar a proba.

A finalidade deste concurso é fomentar a creación literaria máis pura e inmediata na nosa lingua, e dar a coñecer o enxeño e mais o talento de persoas que, se cadra, aínda non publicaron ningunha obra, mais que posúen grandes dotes narrativos. Poderán participar no concurso todas as persoas que o desexen (sexan ou non alumnado da EOI de Pontevedra).

Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

Tres premios, que consistirán nun vale de 200 € para o primeiro premio, un vale de 150 € para o segundo premio e un vale de 100 € para o terceiro premio.
Ademais, o xurado resérvase a posibilidade de entregar ata dous accésits de 100 € cada un.

Os vales servirán para a compra de libros, CD ou DVD en galego e entregaranse durante o acto colectivo que conmemorará o Día das Letras Galegas 2015, que terá lugar na EOI de Pontevedra o mércores 20 de maio. A entrega de premios realizarase nese acto e as persoas premiadas deberán recoller o seu premio en persoa.

As bases pódense consultar na páxina da EOI de Pontevedra e no blog do EDLG:

https://www.edu.xunta.es/centros/eoipontevedra/

https://www.edlgeoipontevedra.blogspot.com.es/