A tradición máxica e mitolóxica de Salcedo proxéctase este domingo no Principal

103

O proxecto Palabrassecretas, en colaboración coa  Sociedade Antropolóxica Galega e a Concellaría de Patrimonio Histórico, presenta este domingo no Teatro Principal de Pontevedra o documental Aldea das Marabillas.

O traballo, financiado polo Concello de Pontevedra, está formado por unha vintena de vídeos nos que se recolle a tradición máxica e mitolóxica de Salcedo, e tamén numerosos remedios da medicina popular que aínda se conservan na zona.

Terra das Marabillas presenta en 65 minutos as mouras que viven no subsolo de Salcedo, as ánimas que percorren o seu camiño dos defuntos, o lagarto que adiviña a lotería, o basilisco que mata só coa mirada, ou o Rachador, que agarda entre o millo unha vítima pouco precavida. As mulleres de Salcedo amosarán como predecir a morte, como adiviñar o futuro e como elaborar filtros de amor infalibles. Tamén exporanse remedios para protexer a casa e os animais e as fórmulas que se usaron en segredo durante séculos para bendicir as enfermidades máis comúns.

Terra das Marabillas é unha mostra da enorme riqueza do patrimonio inmaterial en Galicia. Un patrimonio que aínda hoxe se conserva e que podemos recuperar grazas á colaboración dos máis maiores.

Terra das Marabillas forma parte dun proxecto máis amplo que se desenvolve en toda Galicia e que se difunde a través da web na páxina www.palabrassecretas.com