O Concello apoia a manifestación en defensa da sanidade pública do día 19

106

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá ao representante da Plataforma SOS Sanidade Pública en Pontevedra, Verísimo Pazos, que solicitou ao Concello o apoio á manifestación convocada para o vindeiro 19 de marzo na defensa da Sanidade Pública. A manifestación sairá do Hospital Provincial e rematará na praza de España.

O alcalde indicou que na vindeira Xunta de Goberno Local aprobarase o apoio expreso a esta manifestación.

Segundo explicou Fernández Lores, os argumentos de apoio a esta manifestación son:

  • O deterioro da sanidade pública en xeral
  • A discriminación de Pontevedra como área  sanitaria, dado que o actual tratamento que o Sergas e a Consellería de Sanidade dan a Pontevedra a converten nunha área de terceira categoría.

O alcalde recordou que nos últimos anos tiñamos unha sanidade pública universal, exitosa e envexable dado que cubría todos os aspectos do gasto sanitario. A actual situación é a reducción de máis de 2.000 prazas de profesionais sanitarios en toda Galiza, e esta situación supón o aumento das listas de agarda.

Ao respecto do Hospital Monte Carrasco, o alcalde lembrou que “se tratou dunha gran mentira, xa que non hai un hospital novo e non hai vontade política nin cartos para poder facelo”.

Por estas situacións, o alcalde fixo un chamamento á cidadanía para que se sume a esta manifestación “porque se non facemos un esforzo cada ve será peor”.