A promoción turística da cidade e os xacementos arqueolóxicos de Terras de Pontevedra “cólase” nos móbiles

161

Poñerlle as cousas fáciles aos turistas é o obxectivo dunha iniciativa que hoxe presentou a concelleira de Turismo, Carlota Román, e que nace da man do organismo Terras de Pontevedra. A capital da provincia e as seis áreas de arte rupestre da bisbarra dispoñen dende hai uns días duns paneis que apostan polas novas tecnoloxías para ofrecer información útil a través do teléfono móbil.
Carlota Román subliñou que este dispositivo é moi fácil de manexar e non obriga a instalar ningunha “app”, posto que toda a información está dispoñible na nube. Queremos que a xente que veña a Pontevedra teña unha opción rápida e distinta de acceder aos datos que precisan para realizar unha visita máis enriquecedora, explicou. Non é o mesmo visitar uns petroglifos ou unha praza do Centro Histórico sen ter máis información que a rexistran os ollos que dispoñer antes dunhas pinceladas sobre a súa orixe, que nos chegan a través dun formato cómodo e atractivo, engadiu.
Tanto na Casa da Luz como nas áreas arqueolóxicas montouse un poste ou un panel con información resumida de cada localización en castelán, galego e inglés, con recoñecemento automático do idioma, segundo a procedencia do turista. O que pretenda un coñecemento máis detallado ten posibilidade de acceder á web de Terras de Pontevedra. Alí, ademais, obterá datos sobre a cidade e os xacementos, así como fotografías, audio e xeolocalización. Toda a información é xestionada por medio dunha solución web na nube.
Carlota Román enxalzou a facilidade de utilización. Optouse por un sistema moi intuitivo. O enlace se produce a través da lectura dun simple código QR ou a través da tecnoloxía NFC (para o caso dos móbiles que dispoñan desta tecnoloxía). Neste último caso só será preciso achegar o móbil ao panel e o acceso é directo.
No que atinxe á Capital das Rías Baixas, o panel situado na Casa da Luz permite planificar unha visita ao longo das 15 paradas que configuran os principais fitos patrimoniais e artísticos. Inclúe unha breve explicación e fotografías. Ademais, ofrécese o xeoposicionamento para facilitar o desprazamento ordenado por cada un dos puntos.
O panel, situado no exterior do edificio, permite tamén unha atención básica ao turista 24 horas e 365 días ao ano, polo que supón unha mellora na calidade do servizo. Ademais, Turismo de Pontevedra dotouse doutro panel, máis pequeno (formato A-4 sobre un atril) e transportable, polo que será utilizado en feiras, congresos ou eventos deportivos, ao efecto de facilitar a visita á cidade dos participantes. Con isto prescindimos de moitos folletos e facilitamos as cousas ao visitante, concluíu a edil.