Lores compromete o seu máximo apoio ao Teucro ante un posíbel ascenso, e respalda o traballo responsábel da actual directiva

105

“Unha grande satisfacción por que o alcalde se involucrase así co Teucro”, estas foron as palabras de Carlos García Alén, presidente da entidade deportiva, ao rematar a reunión que mantiveron hoxe no Concello varios membros da súa xunta directiva co alcalde Lores.

“Temos grandes inquedanzas a respeito da vindeira tempada; se conseguimos o ascenso precisaremos máis apoio, e todo o que podemos pedir, pedímolo”, reafirmouse Alén, referíndose tanto ao apoio directo municipal como á involucración do alcalde de cara a conseguir un patrocinador principal para a vindeira tempada.

Logo de louvar o traballo intenso e moi positivo da actual directiva, Lores deu os seus parabéns aos representantes do clube, ante os que comprometeu todo o apoio do que o Concello sexa capaz mentres el sexa alcalde, xa que o equipo deportivamente está moi ben posicionado esta tempada e todo indica que pode conseguir o ascenso.

Ao tempo, o alcalde solicitou todo o esforzo do clube para incrementar o número de apoios cidadáns e conseguir que vaia ao Pavillón cada vez máis xente, de cara a recuperar o papel histórico do balonmán na cidade.

Así mesmo, Lores comprometeu o apoio para levar a cabo algunha acción conxunta para visibilizar os 70 anos do clube, que se cumplen este ano.