Novos contadores dixitais para o controlar o consumo de auga

145

O concelleiro responsábel do Ciclo da Auga, Raimundo González Carballo explicou esta mañá que a empresa concesionaria do servizo de abastecemento da cidade está a instalar novos contadores de auga que permiten lecturas telematicamente. Estes novos dispositivos fan lecturas cada catro horas, e permítelles aos usuarios controlar o seu consumo no caso de darse de alta nunha plataforma dixital e a través dun contrasinal.

Raimundo González explicou que Viaqua está a instalar estes novos contadores a demanda dos usuarios, e en aqueles novos edificios que así o solicitan. Teñen un custe duns 60 ou 70 euros, pouco máis que os que se empregaban até o de agora.

Para ofertar esta nova modalidade de contadores, Viaqua iniciará unha campaña informativa entre os usuarios, especialmente entre aqueles que teñen os contadores dentro das vivendas, xa que estes novos dispositivos permiten controlar os consumos aínda que os veciños non se atopen nas súas vivendas.

Limpeza de imbornais

O concelleiro Raimundo González tamén explicou esta mañá que a empresa Viaqua está a realizar labores de limpeza en todos os imbornais da cidade. Téñense contabilizados 8.520 imbornais e lévanse limpado 10.526, é dicir, algúns limpáronse en varias ocasións no que vai de outono e inverno.

O propósito é eliminar os arrastres do inverno como follas, papeis, area… e manter a capacidade de evacuación.

Estes traballos estannos a facer dúas persoas que teñen unha ruta programada, e a continuación trasladano a un rexistro para que quede constancia dos traballos feitos.