O barrio de San Antoniño quedará completamente “humanizado”, cun investimento próximo ao millón de euros

127

O aspecto urbano do barrio de San Antoniño quedará completamente renovado en poucos meses. O concelleiro de Urbanismo e Obras Urbanas, Antón Louro Goyanes, afronta estes días os trámites para a licitación das tres travesías paralelas (Lepanto, Javier Puig e José Millán) coas que quedará rematada a intervención municipal nesta importante zona da cidade.
Antón Louro destaca que con estas tres obras, que se aproximarán ao millón de euros, complétase a humanización do barrio de San Antoniño. Hai escasos meses entraron en servizo as reformas nas rúas de Gonzalo Gallas, Álvarez Limeses e Víctor Cervera Mercadillo, que supuxeron unha mellora substancial na calidade de vida dos veciños.
As dúas primeiras licitacións en saír serán as das rúas de José Millán e Javier Puig, cuxos proxectos xa están redactados. A continuación, unha vez rematado o proxecto, acometerase a rúa de Lepanto.
O acabado en superficie será moi similar ao das obras realizadas no entorno, a fin de manter unha coherencia urbana. Lousas de cor laranxa nas beirarrúas, con tiras de pedra natural e unha banda de lastros gris delimitando as áreas de aparcamento, servizos e carga e descarga.
Os sentidos de circulación mantéñense nos tres casos, en formato dun só carril. O prazo de execución será de catro meses.
Javier Puig terá un orzamento de 437.328 euros. A nova rúa terá unha fila de aparcamento a man dereita. As beirarrúas ata alcanzar os 3,20 metros, poñendo así fin ás estreitas pasaxes para peóns, especialmente incómodas no entorno da gasolineira. A banda de aparcamento ocupará 2,20 metros e o carril de circulación 3,30 metros.
En canto aos servizos soterrados renóvanse totalmente as redes de auga potable, saneamento e alumeado público, que están completamente obsoletas.
José Millán consumirá 285.234 euros. Neste caso, a maior anchura posibilita manter cordóns de aparcamento a ambos lados. Ao encaixar este deseño obtéñense beirarrúas de 2,60 metros a cada lado, senllos cordóns de aparcamento de 2,20 metros e un carril de circulación de 3,30 metros.
A diferencia no orzamento débese á peculiaridade de que a rede de abastecemento de auga foi renovada hai pouco con tubos de fundición, polo que non é precisa a súa substitución. Cambiaranse, por tanto, as redes de saneamento e pluviais e o tendido soterrado de iluminación pública.
Finalmente, o tenente de alcalde anticipou que a rúa de Lepanto, ao resultar máis estreita, podería ter plataforma única, na que convivirán peóns e vehículos. O orzamento será similar ao de José Millán.
Moita xente insistiunos en completar San Antoniño, explicou Antón Louro, e decidimos apostar forte con esta nova fase, porque entendemos que trátase dun barrio cunha forte densidade de poboación. A situación actual é que os tubos de servizos están completamente esgotados e con problemas de filtracións. Por outra parte, o deseño en superficie é totalmente anticuado e os pavimentos da calzada e das beirarrúas están bastante deteriorados.
O tenente de alcalde adiantou que haberá algunha obra máis antes de que remate o mandato. Durante estes catro anos, a Tenencia de Alcaldía terá impulsado a reforma integral de case 20 rúas e prazas da cidade.