O Concello e Sogama propóñense chegar a un acordo extraxudicial sobre o canon do lixo

69

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá o novo presidente de Sogama, Javier Domínguez que se achegou a Pontevedra para presentarse oficialmente ao alcalde así como para “expoñer como vemos cada unha das partes, a situación das relacións entre Sogama e o Concello”, explicaba o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González Carballo que estivo presente na reunión.

Logo do encontro, “quedamos comprometidos a abrir unha mesa de negociación técnica para avanzar nos asuntos pendentes -os diferentes contenciosos xudiciais abertos- e tentar chegar a un acordo que pasará por unha transacción entre ambas partes”, explicaba o concelleiro de Economía.

“Foi unha reunión moi positiva porque discurriu por canles de diálogo e con posibilidades de chegar a acordos no futuro”, manifestou o concelleiro.

Pola súa banda, o presidente de de Sogama, Jaiver Domínguez indicou que o seu propósito é “tender a man a Pontevedra e aos demáis concellos para seguir traballando tecnicamente e para chegar a acordos extraxudiciais”.