O Mareantes Rugby Club celebra o San Patricio

129

A praza de España acollerá entre os próximos mércores, 18, e domingo, 22, o quinto Festival Galaico-Irlandés de San Patricio. A iniciativa, que foi presentada hoxe, é do Mareantes Rugby Club Pontevedra e as concellerías de Deportes e de Turismo.
Na presentación participaron o concelleiro Agustín Fernández; o presidente do club, Eloy Artime; o cociñeiro José Solla, e o director xeral de Hifas da Terra, Tomás Casquero.
O edil de Deportes felicitou ao Mareantes por optar por esta fórmula alternativa para financiar o club e tamén polas novidades que se introducen todos os anos. Desta volta coa elaboración dunha tapa de fusión galaico-irlandesa.
O torneo internacional de rugby contará coa participación do equipo inglés Halifax RUFC e o equipo feminino do Zalaeta. Ambos enfrontaranse ás dúas seccións do Mareantes. A cita, o sábado en Monte Porreiro, a partir das 12 horas.
A carpa da praza de España pretende converterse nun recinto lúdico apoiado nos piares das gastronomía, turismo, cultura e o deporte. A animación estará a cargo do trío irlandés Coverstone, pero tamén hai espazo para a música galega, con Trepia, e grupos de pop-rock locais.
A oferta gastronómica ten na tapa de Solla o argumento central. Será unha carrilleira con pataca guisada, salsa de setas e toque de menta. A empresa local Hifas da Terra colabora achegando as setas e tamén informando sobre produtos biotecnolóxicos para a recuperación deportiva.
A carpa estará aberta en horario de 12.30 horas a 00.30 horas. Cada día están programadas unha manchea de actividades, que pode consultarse na web do Mareantes ou no seu perfil de Facebook.
A organización agarda superar a cifra dos 5.000 litros de cervexa vendida na última edición. Os prezos están entre os 3,50 e os 4 euros, segundo a marca, e en seis euros para as tapas.