Pontevedra opta a ser sede do Mundial de Baloncesto Feminino 2018

106

O Concello de Pontevedra optará a ser unha das catro sedes do Campionato do Mundo de Baloncesto Feminino que se disputará en España no ano 2018. Así o manifestou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Micó, que asinou esta mañá co rexedor municipal un convenio para a organización do Campionato de España de Baloncesto Infantil Feminino que se celebrará en Pontevedra entre o 14 e o 20 de xuño.

Ao respecto deste último campionato, o Concello xa celebrou este torneo de alta competición o pasado ano que trouxo a Pontevedra arredor de 3.500 persoas. Este campionato conta coa entregada colaboración do Arxil, equipo de baloncesto feminino de referencia na cidade. Neste campionato participarán 32 equipos do Estado e disputarase no Pavillón Universitario, no do CGTD e en Príncipe Felipe, sempre e cando o Pavillón Municipal de Deportes se atope en obras, tal e como está previsto.

Sobre o Campionato do Mundo, o alcalde explicou que Pontevedra podería contar cunha das sedes e confía en que os equipos que poidan estar na cidade teñan o suficiente atractivo.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega agradeceu ao Concello de Pontevedra a aposta que fai polo deporte en xeral, e polo baloncesto en particular.